O Movemento 15-M, tamén chamado movemento dos indignados,[1] é un movemento cidadán formado após a manifestación do 15 de maio de 2011 (convocada por diversos colectivos), onde despois de que 40 persoas decidisen acampar na Porta do Sol esa noite de xeito espontáneo,[2] produciuse unha serie de protestas pacíficas en España co obxectivo de promover unha democracia máis participativa arredada do bipartidismo PSOE - PP e do dominio de bancos e corporacións, así como unha "auténtica división de poderes" e outras medidas coa intención de mellorar o sistema democrático. Aglutinou diversos colectivos cidadáns con diferentes lemas, como o da manifestación do 15 de maio: «Non somos monicreques en mans de políticos e banqueiros»[3] ou «Democracia real XA! Non somos mercadoría en mans de políticos e banqueiros ».[4]