Muller

Muller

Unha muller (do latín mulĭer, -ēris) [1] (Gl-muller.ogg pronunciación ), é un ser humano de xénero feminino[2]. O termo muller adoita estar reservado para unha persoa adulta, sendo o termo rapaza o termo habitual para unha nena ou adolescente. Muller tamén remite a distincións de xénero de carácter cultural e social que se lle atribúen así como ás diferenzas sexuais e biolóxicas da femia na especie humana fronte ao macho. Unha muller adulta xeralmente conta con aspectos físicos que a diferencian do varón da especie como voz máis aguda, cintura máis estreita, cadeira máis ancha e pelve máis ampla, menos pelame corporal, menos masa muscular e máis tecido adiposo, mamas máis grandes e é de menor estatura comparada co varón adulto. Estas características facilitan o parto e a lactación. As mulleres adoitan ter menos vello facial e corporal, teñen unha maior composición de graxa corporal e, en media, son máis baixas e menos musculosas que os homes.

As mulleres son do sexo feminino e herdan un par de cromosomas X, un de cada proxenitor e as mulleres fértiis son capaces de quedar embarazadas e dar a luz desde a puberdade até a menopausa. En termos máis xerais, a diferenciación sexual do feto feminino está rexido pola falta dun xene SRY presente ou funcional en calquera dos cromosomas sexuais respectivos. A anatomía feminina distínguese da masculina polo sistema reprodutor feminino, que inclúe os ovarios, as trompas de Falopio, o útero, a vaxina e a vulva.

Ao longo da historia da humanidade, os roles de xénero tradicionais dentro das sociedades patriarcais a miúdo definiron e limitarón as actividades e oportunidades das mulleres, o que deu lugar á desigualdade de xénero. Moitas doutrinas relixiosas e sistemas xurídicos estipulan certas regras para as mulleres. Coa flexibilización das restricións durante o século XX en moitas sociedades, as mulleres obtiveron un maior acceso ás carreiras profesionais e a posibilidade de cursar estudos superiores. A violencia contra as mulleres, xa sexa nas familias ou comunidades, ten unha longa historia e é cometida principalmente por homes. A algunhas mulleres néganselles os dereitos reprodutivos. Os movementos e ideoloxías do feminismo teñen o obxectivo común de lograr a igualdade de xénero.

Ás mulleres transxénero asignóuselles o sexo masculino ao nacer e teñen unha identidade de xénero feminina,[3] mentres que as mulleres intersexuais teñen características sexuais que non encaixan nas nocións típicas da bioloxía feminina.

O Día Internacional da Muller Traballadora celébrase o día 8 de marzo.[4]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para muller.
  2. Asociación Pro Derechos Humanos; Seminario de Educación para la Paz (2007). Sistema sexo-género: unidad didáctica. Los Libros de la Catarata. ISBN 84-8319-301-9. 
  3. "Understanding transgender people, gender identity and gender expression". American Psychological Association. 9 de marzo de 2023. Consultado o 30 de xaneiro do 2025. 
  4. Nelson, Jinty. "International Women's Day: a centenary to celebrate". History Workshop Online. Consultado o 28 de agosto de 2011. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne