Mycoplasma genitalium | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Mapa xenético de Mycoplasma genitalium. Disposto en círculo e con bandas coloreadas que son os xenes (525 xenes en total) nas súas posicións no ADN. O xenoma ten 580.070 pares de bases de nucleótidos (580 kb). | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Mycoplasma genitalium' Tully et al., 1983[1] |
Mycoplasma genitalium é unha especie de bacterias moi pequenas parasitas que viven nas células epiteliais ciliadas dos tractos urinario e xenital humanos. Informouse da súa existencia en 1981,[2] e foi finalmente identificada como unha nova especie de Mycoplasma en 1983.[1] Produce unha enfermidade de transmisión sexual, que pode causar unha morbidez significativa en homes e mulleres, e é un cofactor na transmisión do VIH.[3] En concreto, causa uretrite (inflamación do tracto urinario) en homes e mulleres, e tamén cervicite (inflamación do cérvix uterino) e inflamación pélvica nas mulleres. A súa secuencia xenómica completa publicouse en 1995.[4] Ata 2003, ano en que se descubriu unha arquea chamada Nanoarchaeum equitans aínda máis pequena, este micoplasma era considerado a unidade celular co xenoma máis pequeno. Coa secuenciación do xenoma de Candidatus Carsonella ruddii en 2006,[5] pasou a ser a terceira especie co xenoma máis pequeno coñecido.
En 2008 produciuse un xenoma sintético baseado nela chamado xenoma de Mycoplasma genitalium JCVI-1.0 (siglas do centro de investigación J. Craig Venter Institute, onde foi sintetizado), converténdose no primeiro organismo producido cun xenoma sintético. En 2014, os investigadores do The Scripps Research Institute descubriron unha nova proteína chamada Proteína M de M. genitalium.[6]