Myxobolus cerebralis | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Myxobolus cerebralis en estado actinospora. | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
'Myxobolus cerebralis' Hofer, 1903 | |||||||||||||||||
Distribución de Myxobolus cerebralis.
| |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
Myxosoma cerebralis |
Myxobolus cerebralis é un mixozoo, da clase Myxosporea, parasito dos salmónidos (salmóns, troitas e afíns) que causa a enfermidade do torneo nas poboacións salvaxes de peixes e tamén nas piscifactorías. Describiuse por primeira vez na troita arco da vella en Alemaña hai un século, pero a súa distribución ampliouse e está presente na maior parte de Europa e as demais zonas tépedas do planeta.[1] Na década de 1980 descubriuse que M. cerebralis necesita infectar a un oligoqueto tubifícido (unha clase de verme segmentado) para completar o seu ciclo vital.[2] O parasito infecta aos seus hóspedes por medio das súas cápsulas polares, similares aos cnidoblastos, que inoculan as súas células tras perforar os epitelios cos seus filamentos polares.
A enfermidade do torneo afecta os peixes novos (alevíns e xuvenís) e cáusalles deformacións no esqueleto e danos neurolóxicos, polo que os peixes avanzan torpemente virando como un sacacorchos en lugar de nadar normalmente, polo que teñen dificultades para conseguir alimento e son máis vulnerables aos depredadores. A taxa de mortalidade é alta para os alevíns, superior ao 90% dos infectados, e os que conseguen sobrevivir quedan deformados polo parasito que permanece nos seus ósos e cartílaxe, que actúan como reserva do parasito, que se liberará na auga trala morte do peixe. M. cerebralis é o mixozoo patóxeno que causa maiores danos económicos. É o primeiro mixospóreo do cal se describiu a súa patoloxía e síntomas.[3] Este parasito non é capaz de infectar aos humanos.