Nacionalismo valenciano

Reial senyera coronada, a Bandeira do País Valencià reivindicada polo nacionalismo valenciano dende a Renaixença.[1]
Estrelada empregada por vez primeira por Acció Nacionalista Valenciana[2] na década de 1930.

O nacionalismo valenciano é unha corrente social estruturada tanto cultural como politicamente que preserva e promove o recoñecemento da personalidade política, lingüística e cultural do País Valencià ou Nación Valenciana.[3] Como ideoloxía, formou parte da sociedade valenciana durante máis de cen anos, cunha incidencia electoral e social variable, contribuíndo á concepción política do antigo Reino de Valencia e sendo un actor decisivo na reivindicación e consolidación do autogoberno da actual Comunidade Valenciana.[4] Baixo a accepción de nacionalismo valenciano a miúdo inclúense grupos que politicamente deberían ser cualificados de "nacionalistas cataláns" ou sinxelamente como catalanistas,[5] xa que entenden que a nación dos valencianos son os Países Cataláns.[6]

Historicamente, o valencianismo orixínase no século XIX como un movemento cultural durante a Renaixença valenciana nunha época na que se intentaba recuperar o prestixio social do valenciano e da cultura valenciana despois de séculos de diglosia e da desaparición do reino de Valencia baixo o absolutismo borbónico con iniciativas como a restauración dos Xogos Florais por Lo Rat Penat. Sería no século XX, e como escisións de Lo Rat Penat que xurdirían as primeiras asociacións valencianistas.[4] Un dos seus primeiros fitos sería a Declaración valencianista de 1918, se ben non sería até a Segunda República Española que o nacionalismo valenciano acadaría certa presenza política e un clima favorable á consecución dun estatuto de autonomía.[4] A ditadura franquista acabou coas aspiracións valencianistas, e diluíu a súa tradición.[4] Durante a década de 1960, Joan Fuster i Ortells propuxo un novo valencianismo de tipo catalanista. Estes supostos provocaron a reacción dun sector do valencianismo encabezado por Aldert i Casp que vía nas propostas de Fuster non o tradicional irmandamento con Cataluña, senón un sometemento. A división interna do valencianismo viu aparellada coa intervención do nacionalismo español que atopou nas teorías do pancatalanismo un argumentario idéneo para atacar o catalanismo e ó mesmo tempo debilitar o valencianismo dende dentro na súa reivindicación de nacionalidade histórica durante o proceso estatutario e de recuperación nacional; os episodios máis virulentos deste conflito foron coñecidos co nome de Batalla de Valencia.

Durante a década de 1980 xurdiu o movemento rexionalista chamado blaverismo, caracterizado polo españolismo e o anticatalanismo,[7] que se agrupou politicamente arredor do partido Unió Valenciana. Na década de 1990, os dirixentes deste partido integráronse maioritariamente no Partido Popular e Unió Valenciana practicamente desapareceu sen volver ter representación política nas Corts Valencianes. A comezos do século XXI, Juan García Sentandreu intentou resucitar o blaverismo formando o partido Coalició Valenciana, incidindo coma no pasado no españolismo e no anticatalanismo, pero estas teorías fracasaron na sociedade valenciana actual, o partido non obtivo xamais representación parlamentaria, e acabou por disolverse no 2011.[8]

Hoxe en día, os académicos valencianos da Acadèmia Valenciana de la Llengua normalizaron o valenciano deixando claro que «valenciano» e «catalán» son dúas denominacións sinónimas e equivalentes para «un mesmo sistema lingüístico»,[9] sentenza filolóxica que foi ratificada legalmente por diversas sentencies xudiciais do Tribunal Supremo.[10][11] O valencianismo político estivo representado nas Cortes Valencianas por Coalició Compromís. Segundo os estatutos aprovados polo principal partido da coalición, o Bloc Nacionalista Valencià, en 2009, un dos seus obxectivos é "A consecución da plena soberanía nacional do pobo valenciano", se ben contempla a posibilidade de asociarse cos territorios cos que Valencia comparte "unha mesma lingua, cultura ou historia".[12]

  1. Archilés Cardona, Ferran (2007). Europa, Espanya, País Valencià. Nacionalisme i democràcia: passat i futur. Universitat de València. p. 156. ISBN 978-84-370-6906-7. 
  2. Temps d'acció, páxina 145, Editorial Denes
  3. Bodoque 2011, p. 20.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 O valencianismo político do século XX e o País Valencià do século XXI, Vicent Flor i Moreno en DDAA (2009). 90 anys de la declaració valencianista (PDF). Valencia: ACV Tirant lo Blanc. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de decembro de 2012. Consultado o 31 de xullo de 2015. 
  5. Iborra, Josep (1995). La trinxera literària, 1974-1990: estudis sobre literatura catalana al País Valencià. Universitat de València. p. 200. ISBN 8478266267. 
  6. Bodoque 2011, p. 54.
  7. Flor i Moreno 2011.
  8. Levante-EMV, ed. (26/5/2011). "Coalició Valenciana suspende su actividad como partido político tras el chasco electoral" (en castelán). Consultado o 6 de abril de 2013. 
  9. Acadèmia Valenciana de la Llengua, ed. (9/2/2005). "Acord de l'Acadèmia Valenciana de la Llengua (AVL), adoptat en la reunió plenària del 9 de febrer del 2005, pel qual s'aprova el dictamen sobre els principis i criteris per a la defensa de la denominació i l'entitat del valencià" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23/09/2015. Consultado o 9/2/2005. 
  10. El Mundo, ed. (5/4/2006). "El Supremo afirma en una sentencia que el valenciano y el catalán son la misma lengua" (en castelán). 
  11. ACPV, ed. (7/3/2013). "Acció Cultural guanya una nova sentència front al govern valencià a favor del reconeixement del títol de filologia catalana i de la unitat de la llengua". 
  12. Bloc Nacionalista Valencià (ed.). "Estatuts del Bloc Nacionalista Valencià" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04/11/2011. Consultado o 6/4/2013. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne