O nervio olfactorio ou olfactivo é o primeiro par cranial. Orixínase nas células bipolares localizadas no epitelio olfactorio que recobre a maior parte do cornete superior e o teito das fosas nasais (mancha amarela). Atravesa pola lámina cribosa en feixes amielínicos (aproximadamente 20 a cada lado) rodeados por extensións dixitiformes de duramadre e aracnoide. Chegan aos glomérulos do bulbo olfactorio e a cintilla olfactoria, que sae deste. Divídese en dúas ramas, unha medial que se dirixe á área subcallosa e paraolfactoria e unha rama lateral que chega ata o uncus, na circunvolución do hipocampo. O nervio é puramente sensitivo. Cabe sinalar que dita vía, a da olfación, é a única que non pasa polo tálamo.