Un neuroblasto é unha célula en división que normalmente se desenvolve orixinando unha neurona xeralmente despois dunha fase de migración.[1] Os neuroblastos diferéncianse a partir de células nai neurais e están destinadas á produción de neuronas.[2]. A principal diferenza entre un neuroblasto e unha neurona é a capacidade de dividirse; os neuroblastos poden realizar mitoses, pero as neuronas non.
Os neuroblastos están presenten fundamentalmente durante o desenvolvemento embrionario como precursores das neuronas. Tamén se describen como neuroblastos un dos tipos celulares que interveñen na neuroxénese adulta, un proceso que ocorre no cerebro adulto dos mamíferos, durante o cal os neuroblastos migran por todo o cerebro e diferéncianse en interneuronas do bulbo olfactorio. Estes neuroblastos do adulto foron moi estudados e caracterizados porque poderían utilizarse para a rexeneración do cerebro se son dirixidas ao sitio da lesión.
Nos humanos os neuroblastos producidos polas células nai na zona subventricular do adulto migran ás zonas lesionadas despois dun dano no cerebro. Porén, están restrinxidas a formar o subtipo das células siilares a interneuronas pequenas, e é improbable que poidan contribuír á recuperación funcional dos circuítos do corpo estriado.[3]