New wave of British heavy metal

New wave of British heavy metal
Orixe musicalHeavy metal
Hard rock
Punk rock
Pub rock
Rock progresivo
Orixe culturalAnos 1970
Reino Unido Reino Unido
Instrumentos típicosVoz, guitarra eléctrica, baixo, batería
DerivadosBlack metal, power metal, speed metal, thrash metal
Xéneros de fusión
Street punk
Escenas rexionais
Reino Unido Reino Unido

O new wave of British heavy metal (literalmente en galego: nova onda do heavy metal británico), abreviado comunmente como NWOBHM ou N.W.O.B.H.M., foi un movemento musical de contexto nacional que tivo lugar no Reino Unido a finais dos anos 1970 e acadou unha atención internacional a comezos dos anos 1980. O xornalista Geoff Barton cuñou o termo na edición de maio de 1979 da revista musical británica Sounds para describir o xurdimento de novos grupos de heavy metal a finais da década dos anos 1970, durante un período de declive do punk rock e dominación da música new wave.

Malia abranguer estilos diversos de correntes principais e underground, a música do NWOBHM caracterizouse por tomar o heavy metal dos anos 1970 e infundirlle a intensidade do punk rock para producir cancións rápidas e agresivas. A actitude DIY dos novos grupos de heavy metal favoreceu a expansión de gravacións de produción propia cun son cru e a proliferación de discográficas independentes. As letras das cancións adoitaban tratar temas de escapismo, como a mitoloxía, a fantasía, a ciencia ficción o terror e o estilo de vida da música rock.

O NWOBHM comezou como un fenómeno de movemento underground medrando en paralelo ó punk e ignorado en gran parte polos medios. A promoción por parte do DJ de música rock Neal Kay e as campañas publicitarias da revista Sounds fixeron que este movemento chegase á conciencia pública, gañando tempo de emisión na radio, recoñecemento e éxitos no Reino Unido. O movemento incluía na súa maioría músicos e afeccionados mozos, de raza branca e de clase obreira, que sufrían as duras condicións do aumento do desemprego durante anos trala recesión de 1973–1975. Como reacción a súa situación social, crearon unha comunidade separada do mainstream. O NWOBHM recibiu fortes críticas por mor da grande expectación xerada polos medios locais a favor dun gran número de músicos considerados sen talento. Non obstante, foi o motor dunha renovación do xénero da música heavy metal e avanzou o progreso da subcultura do mesmo, actualizando os seus códigos visuais e de comportamento, que foron adoptados rapidamente por afeccionados ó heavy metal de todo o mundo trala expansión da súa música ata a Europa continental, Norteamérica e o Xapón.

Dentro do movemento xurdiron unha gran cantidade de grupos de heavy metal, mais só uns poucos deles sobreviviron á chegada da MTV e a popularidade do glam metal máis comercial na segunda metade da década dos anos 1980. Entre eles, Iron Maiden e Def Leppard convertéronse en grupos de fama internacional, mentres que outros como Motörhead e Saxon obtiveron un éxito considerable. Outros grupos, como por exemplo Diamond Head, Venom e Raven, mantivéronse na corrente underground, pero aínda así foron unha influencia principal nos subxéneros de metal extremo que xurdiron a finais dos anos 1980 e comezos dos anos 1990. Moitos dos grupos do NWOBHM volveron a reunirse nos anos 2000, manténdose activos por medio de actuacións en directo e da publicación de novos álbums de estudio.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne