Tipo | río ![]() | ||||
---|---|---|---|---|---|
Inicio | |||||
Continente | África ![]() | ||||
País da cunca | Tanzania, República do Congo, Exipto, Sudán, Uganda, Sudán do Sur, Eritrea, Kenya e República Democrática do Congo ![]() | ||||
Localización | Nilo Branco ![]() | ||||
Final | |||||
Localización | Mar Mediterráneo ![]() | ||||
| |||||
Afluentes | |||||
Conca hidrográfica | Conca fluvial do Nilo ![]() | ||||
Características | |||||
Altitude | 2.700 m ![]() | ||||
Dimensións | 2.850 (![]() rede de drenagem: 6.650 ( ![]() ![]() | ||||
Superficie da cunca hidrográfica | 3.400.000 km² ![]() | ||||
Medicións | |||||
Caudal | 2.830 m³/s ![]() | ||||
O río Nilo (النيل en árabe) é o maior río de África, que flúe en dirección norte a través de dez países —Burundi, Ruanda, Tanzania, Uganda, Kenya, República Democrática do Congo, o Sudán do Sur, o Sudán, Exipto e Etiopía— ata desaugar no extremo sueste do mar Mediterráneo, formando o gran delta do Nilo, sobre o que están situadas as cidades do Cairo e Alexandría. Ten unha lonxitude de 6853 km, o segundo río máis longo do mundo, tras o Amazonas.
A fonte máis afastada do lago Vitoria é o río Kagera, localizado ao oeste de Tanzania. Se se considera este como fonte do Nilo, o seu nacemento sería o curso de auga máis longo dos que desembocan no Mediterráneo, sendo o Nilo-Kagera o segundo río máis longo do mundo, cunha lonxitude de 6853 quilómetros.[1] Durante séculos foi considerado o río máis longo do mundo;[2] con todo, medicións dos anos 2007 e 2008 redefiniron o nacemento do Amazonas na conca do río Apurímac ao sur do Perú, designándoo como o río máis longo do mundo.[3][4]
O Nilo está situado ao nordeste do continente africano e tomou a súa actual configuración o final da era terciaria. O Nilo ten dous tributarios claros ou fontes principais: o Nilo Branco e o Nilo Azul dos cales o primeiro é máis longo. O primeiro atravesa os Grandes Lagos de África, tendo a súa fonte máis distante en Ruanda (2°16′55.92″S, 29°19′52.32″E), e flúe cara ao norte por Tanzania, o lago Vitoria, Uganda, o Sudán do Sur e o Sudán. O Nilo Azul, chamado Abay polos etíopes, nace ao noroeste de Etiopía en Gish Abay;[5] ao pouco do seu nacemento abastece ao lago Tana e continúa fluíndo cara ao sueste; uns 30 quilómetros despois forma as fervenzas do Nilo Azul e continúa o seu curso nesa dirección ata que toma a dirección noroeste, para entrar no Sudán polo sueste deste país. Os dous ríos xúntanse xusto ao norte da capital sudanesa de Khartún.[6]
A parte do norte do río flúe case completamente polo deserto, entre Sudán e Exipto, unha zona cuxa civilización dependeu do río desde hai milenios. A maior parte da poboación de Exipto e todas as súas cidades —fóra das do delta do Nilo e os oasis— atópanse ao longo do val do Nilo (ao norte de Asuán), e a maioría dos lugares de interese cultural e histórico áchanse ao longo das ribeiras do río. A desembocadura do río conforma o delta do Nilo, que desemboca no mar Mediterráneo.