Nine Inch Nails | |
---|---|
Concerto de NIN en 2005 | |
Orixe | Cleveland, Ohio, Estados Unidos |
Período | 1988 - presente |
Xénero(s) | rock industrial, rock alternativo, metal industrial, rock electrónico |
Selo(s) discográfico(s) | The Null Corporation, Interscope, Nothing Records, TVT, Island, Rykodisc |
Membros | Trent Reznor Alessandro Cortini Robin Finck Ilan Rubin Adrian Belew Josh Eustis |
Artistas relacionados | Exotic Birds, Filter, How to Destroy Angels, Marilyn Manson, Gary Numan, A Perfect Circle, Pigface, Tapeworm |
Na rede | |
www.nin.com | |
Nine Inch Nails (abreviado como NIN e escrito como NIИ) é unha banda de rock industrial estadounidense formada en Cleveland, Ohio en 1988 por Trent Reznor, que é o único membro permanente do grupo, e que fai as funcións de produtor, vocalista, compositor e instrumentista. A música de NIN abarca unha ampla gama de xéneros, conservando ao mesmo tempo un característico son utilizando instrumentos e procesadores electrónicos. Despois de gravar cada novo álbum, Reznor monta unha banda de directo para actuar con ela. No escenario, NIN adoita empregar espectaculares elementos visuais para acompañar a actuación, que frecuentemente remata cos músicos escachizando os seus instrumentos.
O público do underground recibiu calorosamente a música de Nine Inch Nails nos seus primeiros anos. Na década dos 90 a banda realizou varios influentes traballos que acadaron un certo grao de popularidade no público máis xeral, e moitos temas da banda convertéronse nun éxito nas radios. Dous dos seus discos recibiron premios Grammy, chegando a vender uns 20 millóns de discos en todo o mundo, 10'5 deles só nos Estados Unidos[1]. No ano 1997 Reznor apareceu na lista das persoas máis influentes do ano da revista Time[2], e a revista Spin describiuno como "o artista máis vital na música". No 2004, a Rolling Stone colocou a Nine Inch Nails no número 94 da súa lista de 100 mellores artistas de todos os tempos. A pesar destes feitos, a banda tivo varios enfrontamentos coa parte corporativa da industria discográfica. No ano 2007 estes conflitos remataron co anuncio de Reznor de que Nine Inch Nails rompería co seu selo, Interscope Records, e editaría os seus futuros lanzamentos independentemente[3].
Dende 1989, Nine Inch Nails leva editados oito álbums de estudio. Os dous máis recentes, Ghosts I–IV e The Slip, ambos os dous aparecidos no 2008, foron editados baixo licenzas Creative Commons. Os dous foron lanzados dixitalmente, aparecendo as súas edicións físicas posteriormente. A edición dixital de The Slip estivo dispoñible de xeito totalmente gratuíto. NIN estivo nomeada doce veces aos Grammy e gañouno dúas veces, para os temas "Wish" e "Happiness in Slavery", nos anos 1992 e 1995 respectivamente[4][5].