Nintendo 64

A Nintendo 64 (en xaponés: ニンテンドウ64), comunmente chamada N64, é a terceira videoconsola de ámbito doméstico deseñada por Nintendo. A N64 viu a luz o 23 de xuño de 1996 no Xapón, en 29 de setembro de 1996 aparece en América do Norte, e o 1 de marzo de 1997 sae a venda en Europa e Australia. O seu lanzamento no Xapón e en América do Norte foi acompañado de só dous videoxogos (Super Mario 64 e PilotWings 64) mentres que no seu lanzamento en Europa saíu tamén outro videoxogo máis, Star Wars: Shadows of the Empire (o cal fora xa lanzado a venda nos países nos que xa se vendía a N64).

A N64 foi presentada en público por primeira vez o 24 de novembro de 1995 como Nintendo Ultra 64 na 7.ª edición do Festival Anual de Software Shoshinkai, no Xapón. As primeiras fotos da presentación foron publicadas no web por Game Zero magazine[1] dous días despois do evento. Ás poucas semanas o recentemente inaugurado website Nintendo Power facía un seguimento oficial da consola, que continuaría no número 85 da súa versión impresa.

Durante as primeiras fases de desenvolvemento a N64 foi coñecida polo seu nome en clave, Project Reality. O nome de Project Reality («Proxecto Realidade») proviña da especulación nacida no seo de Nintendo de que esta consola podería producir CGI («Gráficos xerados por computador») ó mesmo nivel que os supercomputadores daquel entón. Cando o proxecto foi anunciado en público, o nome cambiouse por Nintendo Ultra 64, facendo referencia ó seu procesador de 64 bits; finalmente Nintendo eliminou o apelativo "Ultra" o 1 de febreiro de 1996, cando só quedaban 5 meses para o seu debut no Xapón.

  1. Páxina web de Game Zero

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne