Nouvelle Vague

Nouvelle vague (en galego, Nova Onda) é o nome co que se coñece a un grupo de cineastas franceses que, durante a década dos sesenta, realizan filmes baixo unha serie de principios ou metas estéticas comúns. Por este motivo, é posible consideralo coma un movemento cinematográfico. Este grupo de cineastas, influenciados polo existencialismo francés de Jean-Paul Sartre e de Albert Camus, pon en cuestión as estruturas narrativas tradicionais e formula a aplicación de novas técnicas de experimentación. Esta denominación aparece por vez primeira con Françoise Giroud, xornalista, guionista, escritora e ministra do Goberno francés, en 1957, na revista L’Express en referencia á nova forma de rodar dos novos cineastas franceses. Asemade, a cohesión deste grupo viña exercida pola revista de crítica de cine, Cahiers du Cinéma, fundada en 1951 por André Bazin, posto que gran parte dos directores serían coñecidos, previamente, como críticos nesta revista. Serían, polo tanto, en primeiro lugar, impulsores teóricos dunha perspectiva vangardista e crítica coas producións tradicionais e comerciais e, nun segundo momento, realizadores prácticos desa teoría.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne