Nucleoide

Comparación entre a célula eucariota (con núcleo) e a procariota (con nucleoide).
Esquema dunha célula procariota. No centro o nucleoide (ADN) marcado co número 7.

O nucleoide (que significa similar ao núcleo) é a rexión máis ou menos central e de forma irregular que contén a maior parte do ADN no citoplasma das células procariotas[1].

Nas células procariotas o ADN é unha molécula case sempre circular, bicatenaria e superenrolada,[2], duns poucos millóns de pares de bases. Está situada no mencionado sector da célula denominado nucleoide, que non está rodeado por unha membrana nuclear. Dentro do nucleoide poden existir varias copias da mesma molécula de ADN. Ademais do ADN do nucleoide, as bacterias poden ter pequenas moléculas circulares bicatenarias de ADN chamadas plásmidos, moito menores que o ADN do nucleoide, situadas polo citoplasma.

Este sistema para gardar a información xenética é moi diferente do sistema existente en células eucariotas, onde o ADN se garda dentro dun orgánulo con membrana propia, o núcleo celular. Non obstante, hai unha excepción dentro das bacterias, xa que a especie Gemmata obscuriglobus[3] , do grupo dos Planctomycetes, ten unha membrana lipídica que rodea o seu ADN, aínda que é moi distinta da envoltura nuclear eucariótica, e estas bacterias son no demais células claramente procariotas.

  1. Thanbichler M, Wang S, Shapiro L (2005). "The bacterial nucleoid: a highly organized and dynamic structure". J Cell Biochem 96 (3): 506–21. PMID 15988757. doi:10.1002/jcb.20519. 
  2. Benham C, Mielke S (2005). "DNA mechanics". Annu Rev Biomed Eng 7 (1): 21–53. PMID 16004565. doi:10.1146/annurev.bioeng.6.062403.132016. 
  3. Madigan M, Martinko J, Parker J (2004). Brock Biología de los Microorganismos. p. 426. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne