O 3 de maio en Madrid | |
---|---|
Artista | Francisco de Goya |
Data | 1813 - 1814 |
Técnica | óleo sobre lenzo |
Dimensións | 268 cm × 347 cm |
Localización | Museo do Prado (Madrid) |
O 3 de maio en Madrid (tamén coñecido como Os fusilamentos na montaña do Príncipe Pío[1][2] ou Os fusilamentos do tres de maio[3]) é un cadro do pintor aragonés Francisco de Goya rematado en 1814 que se conserva no Museo do Prado (Madrid, España). A intención de Goya ó elaboralo era plasmar a loita do pobo español contra a dominación francesa no marco do Levantamento do dous de maio, ó comezo da Guerra da Independencia Española.
Xunto coa súa parella (ou pendant) é O dous de maio de 1808 en Madrid —tamén chamado A carga dos mamelucos—. Goya suxeriu o encargo destes cadros de gran formato á rexencia liberal de Luis María de Borbón y Vallabriga, antes da chegada do rei Fernando VII. Tense dito que adornaron un arco do triunfo adicado ó rei na Porta de Alcalá, pero as últimas investigacións desmentírono.[4] Ámbolos dous cadros son da mesma época e corrente artística.
A súa técnica e cromatismos, son propios dun Goya maduro. A pintura é escura, e presenta imaxes fortes e crúas creando o arquetipo de horror na pintura española, que Goya aproveitara nesa época para os seus augafortes titulados Los desastres de la guerra.
O contido, a presentación e a forza emocional da obra supoñen un lugar importante como unha imaxe innovadora e arquetípica dos horrores da guerra. Aínda que se basea en moitas fontes, tanto da arte popular como da culta, a obra provoca unha clara ruptura coas formas anteriores ao afastarse tanto da arte propiamente relixiosa como das representacións tradicionais da guerra, polo que non ten un precedentes claros e é recoñecida como unha das primeiras pinturas da era contemporánea. Segundo o historiador da arte Kenneth Clark, o Tres de maio de 1808, é "a primeira gran imaxe que se pode chamar revolucionario en tódolos sentidos da palabra, en estilo, tema e intención".[5]
Na década de 1850, o pintor José de Madrazo, daquela director do Museo do Prado, puxo en dúbida que Goya pintase este lenzo. Afirmou que «o cadro é de calidade moi inferior a outros retratos do mestre Goya».[6] Décadas despois, durante o apoxeo do impresionismo e do Romanticismo, adquiriu fama mundial ao ser considerada antecedente directo de tales estilos. Durante a Guerra vivil, a obra foi trasladada a Valencia en 1937 xunto con todo o fondo do Museo para evitar posibles danos mais durante o traxecto a obra sufriu un accidente. Os estragos fóronse reparando grazas ás restauracións emprendidas en 1938, 1939, 1941 e 2008. Nesta última restauración, realizada por Clara Quintanilla, procedeuse á limpeza completa do cadro, a base de rebaixar os vernices amarelos que cubrían gran parte da obra e reintegráronse algunhas partes que resultaron danadas no accidente.
O 3 de maio de 1808 serviu de inspiración a varias outras obras pictóricas importantes, como en O Fusilamento de Maximiliano de Manet ou no Masacre en Corea e o Guernica de Picasso.