Os irmáns Gallagher en concerto | |
Orixe | Manchester, Inglaterra |
Período | 1991 - 2009 |
Xénero(s) | britpop, rock and roll, rock alternativo |
Membros | Liam Gallagher Gem Archer Andy Bell Chris Sharrock |
Na rede | |
www.oasisinet.com | |
Oasis foi unha banda británica de rock formada en Manchester no ano 1991. Nos seus comezos estaba formada por Liam Gallagher (vocalista), Paul Arthurs (guitarrista), Paul McGuigan (baixista) e Tony McCarroll (batería), e tocaban baixo o nome de The Rain. Mudaron o seu nome a Oasis cando, invitado polo seu irmán máis novo, entra no grupo Noel Gallagher, converténdose en líder, guitarrista principal e compositor da banda.
Oasis é considerado un dos grupos máis destacados da historia do Reino Unido e da música rock, por ser quizais o máximo expoñente do movemento britrock xunto con Blur e por ser tamén un dos grupos máis senlleiros da música a nivel mundial na década dos 90. Boa proba diso son as 11 millóns de copias vendidas do seu álbum debut Definetely Maybe, as 26 millóns do seu segundo álbum, (What´s the story)Morning Glory, que se converteu no segundo disco máis vendido na historia do Reino Unido por detrás do aclamado Sargent Pepper´s Lonely Hearts Club Band, e as 420.000 copias vendidas o día da posta á venda do seu terceiro álbum de estudio, Be Here Now, que logrou converterse no disco máis rapidamente vendido na historia do seu país.
A súa principal e máis notable influencia musical foi The Beatles, mais tamén beberon doutros grupos como The Rolling Stones, The Who, The Kinks, Sex Pistols, The Smiths, Neil Young, The Stooges e The Stone Roses. Por outra banda foron, xunto con Blur, un dos máximos expoñentes do Britpop.
En agosto do ano 2009 Noel Gallagher anunciou a súa saída da banda despois dun altercado nos camerinos con Liam antes dun concerto. O resto dos seus membros, liderados por Liam Gallagher, decidiron continuar traballando xuntos baixo o nome Beady Eye.