Obesidade | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Peso normal, sobrepeso e obesidade. | |
ICD-10 | E66 |
ICD-9 | 278 |
OMIM | 601665 |
DiseasesDB | 9099 |
MedlinePlus | 007297 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A obesidade (do latín obesitāte) é unha condición médica,[1][2][3] ás veces considerada unha enfermidade, producida pola acumulación excesiva de graxa no organismo. Isto pode provocar efectos adversos na saúde, como a redución da esperanza de vida e o aumento de problemas derivados.[4][5] Unha persoa é considerada obesa cando o seu índice de masa corporal (IMC), un indicador que se obtén ó dividir o peso da persoa en quilos entre o cadrado da altura en metros, excede 30 os kg/m2.[6] Considerado dun xeito técnico, sempre que se dea unha inxestión de calorías (a través dos alimentos) maior que o gasto enerxético do corpo haberá un cúmulo de calorías en forma de graxa. O corpo humano almacena calorías extras nesta forma porque é o medio máis eficaz, almacenando o dobre de calorías no mesmo peso do que se almacenaría como carbohidratos ou proteína.
A obesidade incrementa a probabilidade de padecer diversas doenzas, particularmente doenzas do corazón, diabetes tipo 2, certos tipos de cancro, e artrose.[5] A causa máis común da obesidade é a combinación do consumo excesivo de comida, falta de actividade física e a susceptibilidade xenética. Malia isto, algúns casos son causados polos xenes, desordes endócrinas, fármacos ou enfermidades mentais. As probas que apoian que hai persoas obesas que aínda comendo pouco gañan peso son limitadas; de media, as persoas obesas teñen un gasto enerxético maior que as que non o son debido á enerxía necesaria para manter un incremento de masa corporal.[7][8]
A dieta e o exercicio físico son os piares do tratamento da obesidade. A calidade da dieta pode mellorar reducindo o consumo de alimentos con altos niveis de graxa ou azucre, e incrementando o consumo de fibra alimentaria. Os medicamentos anti-obesidade poden ser tomadas para reducir o apetito ou inhibir a absorción de graxa xunto cunha dieta saudable. Se a dieta, o exercicio e a medicación non son efectivos, os balóns gástricos poden axudar na perda de peso e tamén existe a posibilidade de recorrer á cirurxía para minguar o volume do estómago e lonxitude do intestino, o que supón unha redución da sensación de fame e da capacidade para absorber os nutrientes da comida.[9][10]
A obesidade é a principal causa de mortes previsibles en todo o mundo, e está a ter un incremento da incidencia tanto en adultos coma en nenos. Para as autoridades é un dos máis serios problemas de saúde pública do século XXI.[11] Socialmente, está estigmatizada na meirande parte do mundo (particularmente no occidente), malia ser vista como un símbolo de saúde e fertilidade noutras épocas da historia, como segue a ser nalgunhas partes do mundo.[5][12] No 2013, a "Asociación Médica Americana" clasificou a obesidade como unha doenza.[13][14]
O 14 de decembro celébrase en España o Día Nacional da Persoa Obesa[15].