Ollo simple

Cabeza dunha mosca. Sinalados co número 12, os oscelos, e co 14, os ollos compostos.

Os ollos simples ou ocelos son pequenas estruturas fotorreceptoras presentes en moitos animais, que funcionan como órganos da visión. Os ocelos están presentes en certos artrópodos, cnidarios, equinodermos e anélidos.

Trátase principalmente de órganos sensíbeis á luz, pero poden teren outras funcións, como a detección do ciclo circadiano (é dicir, das oscilacións das variábeis biolóxicas en intervalos regulares de tempo), a visualización da polarización das ondas electromagnéticas (á parte das luminosas), ou a axuda á estabilidade no voo (nos organismos voadores).

Nos insectos existen dous tipos de ocelos: os ocelos dorsais ou simples, que se encontran nas formas adultas de moitos tipos de insectos, e os ocelos laterais ou stemmata, que existen soamente nas larvas dalgunhas ordes. Ambos os tipos son moi diferentes estrutural e funcionalmente.

Os ollos simples doutros animais como os cnidarios (pólipos e medusas) tamén se chaman ocelos, pero a súa estrutura e anatomía é totalmente diferente á do ocelo dorsal dos insectos.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne