A reacción en cadea da polimerase con transcriptase inversa (ou PCR tras transcriptase inversa), abreviada como RT-PCR (do inglés reverse transcriptase PCR) é unha das moitas variantes da reacción en cadea da polimerase (PCR) na que previamente se realiza unha reversotranscrición. Esta técnica úsase comunmente en bioloxía molecular para detectar a expresión do ARN.[1] A PCR con transcriptase inversa (RT-PCR) confúndese a miúdo coa PCR en tempo real ou cuantitativa (qPCR), que ás veces tamén se ve abreviada como RT-PCR (real time).[2] Porén, son técnicas distintas. A PCR con reversotranscriptase (RT-PCR) utilízase para detectar cualitativamente a expresión xénica por medio da creación dun ADN complementario (ADNc) reversotranscrito a partir dun ARN, mentres que, ao contrario, a qPCR úsase para medir cuantitativamente a amplificación dun ADN usando sondas fluorescentes[2][3] en tempo real.[4]
Tamén hai que distinguir entre a RT-PCR e a PCR tradicional. Aínda que a PCR con transcriptase inversa (RT-PCR) e a PCR tradicional producen ambas moitas copias dun ADN particular illado por amplificación, as aplicacións das dúas técnicas son moi distintas. A PCR tradicional utilízase para amplificar exponencialmente secuencias de ADN dianas. A RT-PCR utilízase para clonar xenes expresados por reversotranscrición do ARN de interese a un ADN complementario por medio do uso do encima transcriptase inversa. Seguidamente, o que se fai é que ese ADNc sintetizado novamente é amplificado usando a PCR tradicional.
Tamén é posible combinar a RT-PCR coa qPCR. Ademais do estudo cualitativo da expresión xénica, tamén se pode, facendo uso neste caso da PCR cuantitativa (qPCR), cuantificar o ARN, tanto en termos absolutos coma relativos,[5] técnica que se utilizaría conxuntamente coa RT-PCR. A técnica combinada (RT-PCR + qPCR) denomínase "RT-PCR cuantitativa" ou "RT-PCR en tempo real"[6][7][8]), que a miúdo se abrevia como qRT-PCR,[9] ou RT-qPCR,[10] ou RRT-PCR.[11] Comparado con outros métodos de cuantificación do ARN, como o northern blot, a qRT-PCR considérase que é a proba cuantitativa máis potente e sensible para a detección dos niveis do ARN. Utilízase frecuentemente na análise de expresión dun ou moitos xenes, e os patróns de expresión para a identificación de infeccións e doenzas.[5]
Para evitar calquera tipo de confusión, na seguinte táboa figuran as abreviacións que se utilizarán neste artigo de agora en adiante e a técnica á que se refiren:
Técnica | Abreviación |
---|---|
Reacción en cadea da polimerasa (técnica tradicional) | PCR |
Reacción en cadea da polimerase con transcriptase inversa | RT-PCR |
Reacción en cadea da polimerase en tempo real (ou PCR cuantitativa) | qPCR |
RT-PCR / qPCR (técnica combinada con transcrición inversa e tamén cuantitativa en tempo real) | qRT-PCR |