O panceltismo[1][2] (en irlandés: Pan-Chelteachas, en galés: Pan-Geltaidd, en escocés: Pan-Cheilteachas), tamén coñecido como celtismo[3] ou nacionalismo celta, é un movemento político, social, cultural e pannacionalista que avoga pola solidariedade e a cooperación entre as nacións celtas (tanto das ramas dos gaels como britanos) do noroeste de Europa.[4] Algunhas organización panceltistas pulan pola secesión das nacións celtas do Reino Unido e Francia e que formen o seu propio estado federal independente, mentres que outras prefiren unha estreita colaboración entre nacións celtas soberanas e independentes na forma do nacionalismo irlandés, nacionalismo escocés, nacionalismo galés, nacionalismo bretón, nacionalismo córnico e nacionalismo manx.
Ao igual que outros movementos pannacionalistas, como o paneslavismo, o panxermanismo, o turanismo, o paniranismo ou o panlatinismo, o movemento panceltista xurdiu durante o nacionalismo romántico, e especificamente no rexurdimento celta. O movemento panceltista foi máis prominente durante os séculos XIX e XX (entre os anos 1838 e 1939). Algúns dos primeiros contactos do panceltismo tiveron lugar a través de Gorsedd e Eisteddfod, e o Congreso celta anual comezou a celebrarse en 1900. Dende entón, a Liga Céltica converteuse na organización máis importante do panceltismo político. As súas iniciativas céntranse en gran medida na cooperación cultural celta, como os festivais de música, arte e literatura, que adoitan chamarse "interceltas".