Paramecio | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Paramecium aurelia | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||
Paramecium aurelia |
Os paramecios son protozoos ciliados do xénero Paramecium, que viven en augas doces estancadas con abundancia de materia orgánica. Son uns protozoos ovalados [1] de 50 a 350 microns de lonxitude segundo a especie, probablemente uns dos seres unicelulares mellor coñecidos e máis estudados. No se deben confundir con Blepharisma, que é un xénero parecido.
Teñen numerosos cilios que cobren toda a súa superficie e que lle dan mobilidade, os da parte posterior algo maiores. Tamén ten cilios no citostoma, que son un pouco máis grandes e lle axudan a capturar o alimento. Para moverse cara a adiante os seus cilios baten nun ángulo de 120 graos, cara a atrás todos ao unísono. O paramecio móvese facendo espirais pola auga. Pode moverse tamén para atrás se os cilios baten formando un ángulo cara a adiante todos á vez. Se choca contra un obxecto recúa, xírase lixeiramente e vai de novo para adiante, repetindo isto ata que salva o obstáculo. Pode moverse nun segundo unha distancia 12 veces maior que o seu tamaño.
A membrana externa absorbe e expulsa regularmente auga do exterior coa fin de controlar a osmorregulación, proceso dirixido por dous vacúolos contráctiles.[2] Está recuberto por unha película, que é unha membrana resistente pero elástica.
Nalgunhas especies como P. trichium hai dous vacúolos contráctiles simples, pero o máis habitual é que estes vacúolos teñan unhas estriacións radiais que lle dan un aspecto de estrela.
Presentan un citostoma, unha especie de invaxinación situada a todo o longo do paramecio coa que captura o alimento, que consiste en partículas orgánicas flotantes e microorganismos menores ca el. O citostoma conduce a unha citofarinxe antes de que o alimento pase ao interior deste protozoo. Son moi visibles os vacúolos dixestivos, onde dixiren o alimento, e despois expulsan por exocitose os refugallos.
Presentan polo menos dous núcleos de distinto tamaño, chamados micronúcleo e macronúcleo. O macronúcleo está no centro e é de gran tamaño e forma alongada, compacto, poliploide, con funcións vexetativas, e o único que transcribe. O micronúcleo é pequeno e máis esférico (en P. aurelia hai dous micronúcleos), non transcribe ARN, pero é o que realiza a meiose e a conxugación.