Paratexto

Capa do libro Espiñas, follas e flores (Valentín Lamas Carvajal, 1875).

O termo paratexto designa o conxunto de enunciados que acompañan o texto principal dunha obra literaria, como o título, subtítulos, prólogo ou o índice de materias. O paratexto está destinado a facer presente o texto, asegurar a súa presenza no mundo, a súa recepción e consumo. O paratexto establece o marco en que se presenta o texto como forma de comunicación.

Distínguense os paratextos escritos pola persoa autora da obra (o seu nome, epígrafe, prefacio, dedicatoria, notas ao pé de páxina...) dos paratextos editoriais (tapa, catálogo, copyright...). Mais esta distinción está permanentemente amenazada, especialmente no caso dos textos (literarios, filosóficos) que se consomen en períodos moi amplos e que, polo tanto, son reciclados de forma constante.

Outra división é entre o peritexto (parte do paratexto inseparable do texto, como o título ou o índice de materias) e o epitexto (parte que circula fóra do texto, xa sexa editorial como publicidade ou aparición en catálogos). Tamén se distingue entre os paratextos públicos e privados: unha entrevista radiofónica é un epitexto de autoría pública, mais un borrador ou un diario íntimo son un epitexto privado.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne