Partido Comunista

Fouce e martelo, símbolo utilizado con distintas variacións polos partidos comunistas.

Para os distintos partidos comunistas véxase Partido Comunista (homónimos)

Un partido Comunista é aquel partido político que defende a aplicación dos principios económicos e sociais do comunismo a través da política estatal. A orixe do nome ven do Manifesto Comunista, publicado en 1848 por Karl Marx e Friedrich Engels.[1]

Segundo a teoría Leninista, o partido Comunista é o partido de vangarda da clase obreira (proletariado), goberne ou non, pero cando un partido se atopa no poder nun estado determinado, o partido ten que ser a máxima autoridade da ditadura do proletariado. As teorías de Vladimir Lenin sobre o papel que debe ter un partido Comunista desenvolvéronse a comezos do século XX en Rusia. Os socialdemócratas dividíronse nas faccións bolxeviques (que significa "maioría") e menxeviques (que significa "minoría"). Lenin, líder dos bolxeviques, sostiña que un partido revolucionario debería ser un pequeno partido de vangarda cun mando político centralizado e unha estrita política sobre os seus membros; porén, a facción menxevique, argumentaba que o partido debería ter unha base cunha gran cantidade de membros. O partido bolxevique, que co tempo se converteu no Partido Comunista da Unión Soviética, chegou ao poder en Rusia trala revolución de Outubro en 1917. Coa creación da Internacional Comunista, o concepto leninista de partido estendeuse por todo o mundo a outros partidos comunistas emerxentes.

O partido Comunista Chinés é o partido político máis grande do mundo,[2] posuíndo case 78 millóns de membros[3] ao final do 2009,o que constitúe preto do 5.6% do total da poboación da China.

Os partidos Comunistas están prohibidos en varios países: Estonia, Letonia, Lituania, Indonesia, Romanía, Corea do Sur e Turquía.[4][5]

  1. "Comunismo". Online Etymology Dictionary. Consultado o 25 de marzo de 2013. 
  2. "O Partido Comunista da China". Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2010. Consultado o 25 de marzo de 2013. 
  3. O Partido Comunista Chino ten case 78 millóns de membros
  4. "Proletariërs aller landen, verenigt u!". Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2020. Consultado o 25 de marzo de 2013. 
  5. "Twintig jaar na de val van de Muur (4) :: Letse kandidaat-president voor Europese Unie heeft vuile handen". Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2013. Consultado o 25 de marzo de 2013. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne