O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.[1] O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.[2] Esta é unha lista do Patrimonio da Humanidade en Camboxa, especificamente clasificada pola UNESCO e elaborada de acordo con dez criterios principais, cuxos puntos son xulgados por especialistas na área. Camboxa ratificou a conveción o 28 de novembro de 1991.[3]
Camboxa conta con tres lugares clasificados como Patrimonio da Humanidade. Angkor foi incluído na lista en 1992 cando o país estivo brevemente gobernado pola misión das Nacións Unidas despois da guerra camboxano-vietnamita, en liña cos Acordos de Paz de París de 1991. O sitio foi clasificado inmediatamente na Lista do Patrimonio Mundial en Perigo co fin de afrontar con rapidez e eficiencia os problemas urxentes de conservación.[4] En 2004, Angkor foi eliminado da lista en perigo.[5] O Templo de Preah Vihear foi incluído en 2008, Sambor Prei Kuk en 2018 e Koh Ker en 2023.[3] Os catro sitios son culturais.