Penicilina | |
---|---|
![]() Estrutura central da penicilina, onde "R" é o grupo variable | |
![]() Estrutura da penicilina G en 3D. | |
Datos clínicos | |
AHFS/Drugs.com | Información detallada ó consumidor de Micromedex |
Categoría no embarazo | |
Rutas de administración | Intravenosa, intramuscular, subministración oral |
Código ATC | |
Datos farmacocinéticos | |
Biodispoñibilidade | 60-75 % (humanos); 30 % (animais) |
Unión a proteína plasmática | 50-80 %, principalmente albumina |
Metabolismo | fígado |
Semivida | entre 0.5 e 56 horas |
Excreción | Renal |
Identificadores | |
Número CAS | |
ChemSpider |
|
Datos químicos e físicos | |
Fórmula | C9H11N2O4S |
| |
![]() Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
As penicilinas son antibióticos do grupo dos betalactámicos empregados profusamente no tratamento de infeccións provocadas por bacterias sensibles. A maioría das penicilinas son derivados do ácido 6-aminopenicilánico, diferindo entre si segundo a substitución na cadea lateral do seu grupo amino.[2] A bencilpenicilina ou penicilina G foi o primeiro antibiótico empregado amplamente en medicina; o seu descubrimento foi atribuído a Alexander Fleming en 1928,[3] quen xunto cos científicos Ernst Boris Chain e Howard Walter Florey -que crearon un método para producir en masa o fármaco- obtivo o Premio Nobel de Medicina en 1945.
Non se coñece por completo o mecanismo de acción das penicilinas, aínda que a súa analoxía á D-alanil-D-alanina terminal, situada na cadea lateral peptídica da subunidade do peptidoglicano (constituínte principal da parede bacteriana), suxire que o seu carácter bactericida deriva da súa intervención como inhibidor do proceso de transpeptidación durante a síntese daquel. Deste xeito, a penicilina actúa debilitando a parede bacteriana e favorecendo a lise osmótica da bacteria durante o proceso de multiplicación.[4]
Existe unha gran diversidade de penicilinas. Algunhas especies de fungos do xénero Penicillium sintetizan de forma natural penicilinas, como o primeiro tipo illado, a penicilina G. Porén, debido á aparición de resistencias, desenvolvéronse outras familias seguindo basicamente dúas estratexias: a adición de precursores para a cadea lateral no medio de cultivo do fungo produtor, o que se traduce na produción de penicilinas biosintéticas; e a modificación química da penicilina obtida pola fermentación biotecnolóxica, o que dá lugar ás penicilinas semisintéticas.[5]
As penicilinas difiren entre si segundo o seu espectro de acción. Por exemplo, a bencilpenicilina é eficaz contra bacterias grampositivas como estreptococos e estafilococos, así como gonococos e meningococos, pero debe administrarse por vía parenteral (por inxección) debido á súa sensibilidade ao pH ácido do estómago. A fenoximetil penicilina é, en cambio, resistente a este pH e pode administrarse por vía oral. A ampicilina, ademais de manter esta resistencia, é eficaz contra bacterias gramnegativas como Haemophilus, Salmonella e Shigella.[4]
Aínda que as penicilinas son os antibióticos menos tóxicos, é común que produzan alerxias. Ata o 10% dos pacientes que reciben tratamentos de betalactámicos desenvólvenas.[6] Posto que un choque anafiláctico pode conducir á morte do paciente, é necesario interrogalo antes de iniciar o tratamento.
Ademais das súas propiedades antibacterianas, a penicilina é un efectivo antídoto contra os efectos do envelenamento por α-amanitina, un dos aminoácidos tóxicos dos fungos do xénero Amanita.[7]