Piedade (Michelangelo)

Piedade
ArtistaMichelangelo
Dataentre 1498 e 1499
TécnicaEscultura
Dimensións174 cm × 195 cm
LocalizaciónBasílica de San Pedro (Cidade do Vaticano Cidade do Vaticano)

A Pietà ou Piedade de Michelangelo, tamén coñecida como Pietá Vaticana, e datada entre 1498 e 1499,[1] é unha escultura de mármore de 174 cm por 195,[2] que se atopa na basílica de San Pedro en Roma. Foi a primeira de varias obras do artista coa mesma temática como a Pietá de Florencia, a Pietá Palestrina e a Pietá Rondanini, nas que se representa o tema bíblico da "Virxe dolorosa" (Pietá) que sostén no colo o corpo de Cristo descendido da cruz antes da sepultura, resurección e ascensión. O modelo no posicionamento dos corpos é o da iconografía nórdica, que Michelangelo asimila e elabora dun xeito persoal. Leva ao extremo o ideal renacentista de harmonía, e beleza clásica.

A estatua fora encargada polo cardeal francés Jean de Billhères de Lagraulas, que era un representante do rei francés en Roma. O cardeal encargáraa para o seu mausoleo funerario na capela de Santa Petronila que estaba no lado sur do transepto da basílica de San Pedro en Roma. Porén, a capela fora derruída por Bramante durante a reconstrución de San Pedro polo que tamén se moveu a obra.

A Pietà é considerada a primeira obra mestra do artista, realizada cando tiña pouco máis de vinte anos, e unha das mellores obras de arte producidas en Occidente. Tamén é a única que presenta a sinatura do autor[1] na cinta que cruza o manto da virxe dende o ombreiro. Segundo Giorgio Vasari, pouco despois da instalación da obra, Michelangelo escoitou que alguén afirmaba que era unha obra do escultor Cristoforo Solari, que el consideraba moi inferior. Enrabietado, Michelangelo gravou MICHEL (N) GELU BONAROTUS FLORENT [INUS] FACIEBAT ("O florentino Michelangelo Buonarroti, fíxoo").

  1. 1,0 1,1 Selvaggio, Danielle (setembro 2017). "The Pieta: the Signed Work of Michelangelo". lagazzettaitaliana.com (en inglés). Consultado o 23 de agosto de 2019. 
  2. Rios González, José Antonio. Roma, andar y ver (en castelán). Madrid: Vision Libros. p. 193. ISBN 978-84-9886-449-6. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne