Planta medicinal

A carqueixa (Genista tridentata) é unha planta con gran tradición medicinal en Galiza

Unha planta medicinal é un recurso, cuxa parte ou extractos se empregan como drogas no tratamento dalgunha doenza. A parte da planta empregada medicinalmente coñécese co nome de droga vexetal, e pode subministrarse baixo diferentes formas galénicas: cápsulas, comprimidos, crema, decocción, elixir, infusión, xarope, tintura, ungüento etc. En Galiza existe unha gran tradición de uso de herbas medicinais, que aínda que se está a perder, teñen recollidos moitos autores, entre os primeiros Martín Sarmiento[1] ou Eladio Rodríguez[2].

Manuscrito do De materia medica de Dioscórides, amosando as supostas propiedades medicinais da mandrágora.
Herbas medicinais nunha feira medieval, en Burgos (España).

O uso de menciñas de orixe vexetal remóntase á época prehistórica, e é un dos xeitos máis estendidos da medicina, presente en virtualmente todas as culturas coñecidas. A industria farmacéutica actual baseouse nos coñecementos tradicionais para síntese e elaboración de fármacos, e o proceso de verificación científica destas tradicións continúa hoxe en día, descubríndose constantemente novas aplicacións. Moitos dos fármacos empregados hoxe en día —coma o opio, a quinina, a aspirina ou o estract de dedaleira— replican sinteticamente ou illan os principios activos de remedios vexetais tradicionais coñecidos incluso desde épocas prehistóricas. A súa orixe persiste nas etimoloxías —como o ácido salicílico, así chamado por extraerse da casca do salgueiro (Salix spp.) ou os glicósidos cardíacos ou dixitálicos extraídos do estraloque.

  1. Martín Sarmiento entre 1746 e 1755 recolleu no seu Catálogo de voces y frases de la lengua gallega, ed. de J. L. Pensado Tomé (U. de Salamanca en 1973) multitude de usos das plantas medicinais coas denominacións galegas
  2. Eladio Rodríguez González recolleu entre 1958-1961, multitude de plantas medicinais galegas na súa obra: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne