Plateresco[1], tamén chamado de gótico plateresco, Protorrenacenza, estilo Isabel, estilo Reis Católicos (estes dous últimos en referencia á súa primeira fase) e estilo Príncipe Filipe (referido á súa fase renacentista), é un estilo artístico, especialmente arquitectónico, que se desenvolveu en España e nos seus territorios no século XVI, caracterizado pola fusión de elementos góticos, mudéxares e renacentistas e pola elaboración e minuciosidade das súas obras[2]. Apareceu entre o último gótico e a Rencenza, xa a finais do século XV, estendéndose durante os dous séculos a seguir.
Resulta dunha modificación do espazo gótico e dunha fusión ecléctica de compoñentes decorativas mudéxares, do gótico flamexante e Arquitectura románica lombarda, así como temperáns elementos renacentistas de orixe toscana.
Exemplos son a inclusión de escudos e pináculos, as fachadas divididas en tres corpos (mentres que as renacentistas están divididas en dous) e as columnas de tradición renacentista. Chegou á súa máxima expresión durante o reinado de Carlos I,[3] especialmente en Salamanca, aínda que tamén floreceu notabelmente noutras cidades da Península Ibérica como León e Burgos e no territorio de Nova España que hoxe é México.[3] Considerado ás veces corrente renacentista e outras estilo propio, recibe ás veces os nomes de Protorrenacenza[4] e Primeira Renacenza como rexeitamento ao considerar un estilo en si mesmo. En Galicia salienta o Hospital Real de Santiago de Compostela na Praza do Obradoiro, hoxe Hostal dos Reis Católicos.
O estilo caracterízase por unha decoración prolífica que cobre as fachadas con elementos vexetais, candelabros, festóns, criaturas fantásticas e todo tipo de figuracións.[3] A configuración espacial, porén, seguía máis claramente un referente gótico. Esta fixación por partes concretas, sen modificacións estruturais respecto do gótico e apenas espaciais, fan que sexa clasificado moitas veces como variación e non coma estilo.[5] En Nova España o Plateresco adquiriu unha configuración propia, aferrado fortemente á súa herdanza mudéxar e mesturándose con influencias indíxenas.[3]
No século XIX, co pulo dos historicismos, a arquitectura plateresca reviviu baixo os nomes de estilo Monterrey e estilo español.[6]