As plumas de voo (Pennae volatus) [1] son as plumas pennáceas longas, ríxidas, de forma asimétrica, pero emparelladas simetricamente, das ás e cola das aves; as situadas nas ás denomínanse rémixes ou remeiras, as ás da cola, rectrices ou temoneiras. A función primaria das plumas de voo é axudar á xeración do impulso e sustentación, posibilitando o voo das aves. As plumas de voo dalgunhas aves evolucionaron para realizar funcións adicionais, xeralmente asociadas con exhibicións territoriais, rituais de cortexo ou métodos de alimentación. Nalgunhas especies, estas plumas desenvolvéronse dando plumas rechamantes utilizadas en exhibicións visuais de cortexo, mentres que noutras orixinan un son durante os voos de exhibición. As pequenas aserraduras que teñen as estrixiformes no bordo de ataque das rémixes axúdanlle a voar silandeiramente (e, por tanto, a ter máis éxito na caza), mentres que as rectrices moi ríxidas dos petos e picapaus permítenlles usalas como puntos de apoio aplicándoas contra o tronco cando están agarrados no tronco e peteirando nel. Mesmo as aves non voadoras conservan as súas plumas de voo, aínda que ás veces con formas radicalmente modificadas.
A muda das plumas de voo pode causar serios problemas ás aves, xa que lles impide voar. En diferentes especies evolucionaron distintas estratexias para facer fronte a este problema, que van desde desprenderse de todas as plumas de voo ao mesmo tempo (e así quedan sen capacidade de voar por un período de tempo relativamente curto) a estender a muda durante un período de varios anos.