Porco formigueiro, oricteropo Orycteropus afer Rango fósil: mioceno temperán - actualidade [1] | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
![]() Pouco preocupante | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Orycteropus afer (Pallas, 1766) | |||||||||||||||||
![]() Distribución posíbel do porco formigueiro
|
O porco formigueiro,[2] ou oricteropo, Orycteropus afer (Pallas, 1766), é un mamífero de tamaño medio, propio da África subsahariana, onde vive en sabanas, pradarías e zonas boscosas. Este animal, solitario e de hábitos nocturnos, é a única especie vivente do xénero Orycteropus, da familia dos oricteropódidos (Orycteropodidae) que, á súa vez, é a única da orde dos tubulidentados (Tubulidentata).[3][4][5] En consecuencia, está considerado como un fósil vivente, que conserva trazos primitivos que perderon euterios máis avanzados como, por exemplo, a presenza de dez cromosomas.[6]
O aspecto do porco formigueiro semella mesturar orellas de coello, un fociño de porco e unha cola de canguro. Como os osos formigueiros e os pangolíns, o porco formigueiro desenvolveu adaptacións notábeis no seu xeito de alimentación. Ataca directamente niños de formigas e térmites, cunha lingua moi longa e uns dentes especialmente modificados. Utiliza as súas grandes poutas en forma de pá para escavar buratos onde refuxiarse, que despois son empregads por unha multitude de animais unha vez o porco formigueiro os abandona.
Malia que a UICN considera que o status do porco formigueiro é LC (pouco preocupante),[7] e que as poboacións desta especie son máis ou menos estábeis, resulta difícil avaliar o seu estado con gran precisión. Podería ser que estivese esmorecendo por mor do crecemento da presenza humana e conseguinte urbanización, a destrución e conversión do seu hábitat en campos de cultivo ou a caza de subsistencia.