Portal:Lugo

Lugo é unha cidade galega, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo, é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.

Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.

O xentilicio dos habitantes de Lugo é lucense ou tamén lugués. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro a máis dun millón de visitantes.

Artigo destacado

editar

O Prone Lugo Asociacion Deportiva, antigamente coñecido por motivos de patrocinio como Azkar Lugo Fútbol Sala, é un equipo lucense de fútbol sala fundado en 1984. Actualmente xoga na Primeira División da Liga nacional de fútbol sala. Cun importante crecemento na última metade dos 90, o fútbol sala transformouse nun deporte popular na cidade.

O Prone conta cunha gran canteira de xogadores, destacando o equipo filial, que xoga na división semiprofesional Primeira Nacional A. Tamén conta cun equipo xuvenil de Liga Nacional. O grupo principal da súa inchada son "Os Bufóns".

Entre o seu palmarés destaca a Recopa de Europa de fútbol sala no ano 2005, disputada en Lugo. Tamén ten alzado a Copa Xunta de Galicia en cinco ocasións.

Lugar de interese

editar

O Museo Provincial de Lugo foi fundado pola Deputación de Lugo no ano 1934. A idea de crear un museo provincial xurdiu en 1932 coa proposta de reunir e protexer os bens do patrimonio cultural lucense, até daquela esparexidos ao longo da provincia en coleccións privadas. Atópase no centro da cidade, na praza da Soidade.

A primeira sede do museo estableceuse no Pazo de San Marcos (baixo a dirección de Luis López Martí), e contaba con varias salas nas que se expoñían diferentes materiais arqueolóxicos, históricos e artísticos. En 1957, decidiuse mudar de emprazamento do museo, xa que o continuo incremento de fondos fixeran pequeno o espazo adicado ás exposicións. O lugar elixido foi o antigo convento de San Francisco, remodelado e ampliado inspirado na estrutura dos Pazos galegos para o deseño do novo edificio. Das dependencias do convento conserva a cociña, o refectorio (ámbolos dous do século XVIII) e mailo claustro (do século XV).

O 1 de marzo de 1962 o Museo Provincial de Lugo foi declarado Ben de Interese Cultural. En 1983, o material etnográfico que posuía o Museo foi trasladado ó Museo etnográfico e histórico de San Paio de Narla (Friol), que se constituíu así na sección de etnografía do Museo Provincial de Lugo. En 1997 o museo foi novamente ampliado, segundo un proxecto do arquitecto Antonio González Trigo. Esta ampliación foi inaugurada polos Duques de Lugo o 16 de xaneiro de 1997.

Imaxe destacada

editar

Monumento a Xoán Montes obra de Eugenio Duque.
Vexa o artigo Xardín de San Roque.


Biografía destacada

editar

Ánxel Fole, nado en Lugo o 11 de agosto de 1903 e finado na mesma cidade o 9 de maio de 1986, foi un escritor en galego e castelán que cultivou todos os xéneros literarios (narrativa, poesía, teatro e ensaio), aínda que a súa sona lle vén fundamentalmente dos seus libros de contos, recollidos en catro volumes. O día 5 de outubro de 1963, día de San Froilán (patrón de Lugo) Ingresou na Real Academia Galega, e en 1997 foille adicado o Día das Letras Galegas.

Na súa narrativa, herdeira de Álvaro Cunqueiro, Castelao e Otero Pedrayo, Fole presenta a xeografía dos lugares de montaña nos que viviu, así como os traballos, costumes, diversións etc. dos seus habitantes a mediados do século XX. A lingua dos seus relatos recolle a fala popular e inclúe abundantes vulgarismos, hipergaleguismos e dialectalismos, peculiares das zonas onde sitúa os feitos que conta. Os seus escritos achegan unha información etnográfica e antropolóxica fundamental do medio rural galego antes da chegada da mecanización. Os contos de Fole caracterízanse polo seu humor e polos temas esotéricos e misteriosos, ó xeito da narrativa oral tradicional galega.

Sabías que...?

editar

San Froilán


Artigos de calidade e bos

editar

Artigos de calidade (2)

Artigos bos (0)


Portais relacionados
Proyectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne