O portaluvas[1] é un compartimento do cadro dun vehículo que se encontra enriba do espazo destinado á colocación dos pés do copiloto. O seu nome deriva do seu propósito orixinal, isto é, gardar as luvas que se empregaban para conducir. Hoxe en día, porén, adoita almacenar todo tipo de obxectos.
Aínda que na meirande parte dos automóbiles o fecho simplemente evita que estea aberto, noutros presenta unha pequena fechadura con chave. Nalgúns modelos, o portaluvas ten unha pequena área para pousar vasos ou outros obxectos. En certos vehículos modernos é posible regular a súa temperatura permitindo, así, a súa utilización como refrixerador de bebidas.