Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
A primeira guerra mundial[2] (en adiante IGM), tamén coñecida como a Gran Guerra,[a] foi un conflito bélico do século XX. Desenvolveuse entre o verán do 1914 e o outono de 1918 e involucrou uns trinta países, polo que se considera o primeiro conflito global da historia, malia estar centrado, fundamentalmente, en Europa. A teor do número de mobilizados (sesenta e cinco millóns de soldados) e falecidos, calculado en vinte millóns de persoas entre soldados e civís, é o segundo maior enfrontamento armado da historia, só por detrás da Segunda guerra mundial.[3]
A guerra enfrontou a dúas grandes alianzas: o bando aliado contra as potencias centrais. Os aliados estiveron liderados por Francia, Reino Unido, Rusia e o Xapón e recibiron múltiples adhesións a medida que avanzaba a guerra; a destacar, a de Italia na primavera de 1915 e a de Estados Unidos dous anos despois. Do lado das potencias centrais salientaron Alemaña, Austria-Hungría, Bulgaria e o Imperio Otomán.
A guerra tivo como escenario principal a Europa central e oriental. Tamén houbo combates terrestres de relevancia nas colonias africanas e asiáticas dos países participantes e batallas navais nos principais mares de Europa e no océano Atlántico.
Os combates destacaron pola capacidade de mobilización dos exércitos participantes, que superou os cincuenta millóns de soldados. O control das estradas e, sobre todo, das vías férreas, garantiu unha moblización masiva e veloz. O uso de armamento de alta tecnoloxía, como metralladoras, artillaría de precisión, armas químicas, tanques, acoirazados ou submarinos, trouxo consigo unha enorme mortalidade. A guerra puxo a proba non só a capacidade militar dos belixerantes, senón a súa fortaleza industrial, económica e organizativa. Por todas estas cuestións, a IGM é considerada a primeira guerra moderna.
A causa inmediata da guerra foi o asasinato de Francisco Fernando, arquiduque de Austria-Hungría, en Saraxevo, por un comando de nacionalistas serbios. Con todo, as causas reais hainas que buscar nas rivalidades coloniais, económicas e xeopolíticas entre os países europeos, no ambiente ultranacionalista da preguerra e nunha diplomacia que recorreu de maneira sistemática a alianzas militares de carácter secreto.
Os vencedores foron os aliados, en boa medida grazas á entrada en guerra dos Estados Unidos. Os derrotados foron obrigados a asinar tratados de paz por separado. O Tratado de Versalles declaraba a Alemaña culpábel de ter provocado a guerra, forzándoa ao pagamento de cuantiosas indemnizacións. Os imperios Austrohúngaro e Otomán foron desmembrados, de modo que apareceron moitos novos estados en Europa: algúns dunha soa nación (como Polonia) e outros de varias (Iugoslavia, Checoslovaquia).
A marcha dos homes para a fronte obrigou a que os países belixerantes recorresen ao emprego masivo de man de obra feminina. Para financiar a guerra recorreuse a tributacións extraordinarias e enormes empréstitos, que foron a causa de enormes problemas económicos nos primeiros anos de posguerra. O Reino Unido, que fora o país hexemónico no mundo dende o final das guerras napoleónicas, viuse relevado polos Estados Unidos.
A guerra provocou o descrédito das democracias liberais. En Rusia triunfou a Revolución Rusa, que instaurou un sistema comunista. As convulsións de posguerra tiveron moito que ver no ascenso do fascismo e do nazismo, así como na instauración de réximes de dereita autoritaria na Europa mediterránea e oriental.
A comunidade historiográfica está de acordo en que o resultado da IGM, moi en especial a humillación sufrida por Alemaña, é fundamental para entender o camiño que levou á segunda guerra mundial e o mundo de bloques.
Segundo a proposta do historiador británico Eric Hobsbawm, habería que falar dun século XX curto, de 1914 a 1991, interpretando en conxunto a IGM, o período de entreguerras, a II GM e o mundo bipolar, até a caída da URSS. Este complementaríase coa teoría do século XIX longo, que de 1789 a 1914 agruparía a Revolución Francesa e o imperio napoleónico, a Europa da Restauración e das revolucións liberais, a industrialización e o imperialismo.[4]
Erro no código da cita: As etiquetas <ref>
existen para un grupo chamado "lower-alpha", pero non se atopou a etiqueta <references group="lower-alpha"/>
correspondente