Profilina | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Identificadores | |||||||||||
Símbolo | Profilin | ||||||||||
Pfam | PF00235 | ||||||||||
InterPro | IPR002097 | ||||||||||
SMART | PROF | ||||||||||
PROSITE | PS00414 | ||||||||||
SCOPe | 2btf / SUPFAM | ||||||||||
|
A profilina é unha proteína que se une á actina que está implicada na dinámica do recambio e reestruturación do citoesqueleto de actina. Atópase en todos os organismos eucarióticos na maioría das súas células. A profilina é importante para o control espacial e temporal do crecemento dos microfilamentos de actina, o cal é un proceso esencial na locomoción celular e nos cambios de forma da célula. Esta reestruturación do citoesqueleto da actina é esencial en procesos como o desenvolvemento de órganos, a curación de feridas, e a eliminación dos invasores infecciosos por parte das células do sistema inmunitario.
A profilina tamén se une a secuencias ricas no aminoácido prolina de diversas proteínas. Aínda que a maioría da profilina celular está unida á actina, hai unhas 50 posibles proteínas ás que as profilinas se poden unir. Moitas delas están relacionadas coa regulación da actina, pero a profilina tamén parece estar implicada en actividades que teñen lugar no núcleo celular como o splicing do ARNm.[1]
A profilina únese tamén a algunhas variantes de fosfolípidos da membrana plasmática (fosfatidilinositol (4,5)-bisfosfato e inositol trifosfato). A función desta interacción é secuestrar a profilina nunha forma "inactiva", que pode ser revertida á forma activa pola acción do encima fosfolipase C.
A profilina é o principal alérxeno presente nos poles de bidueiro, de herbas e outras plantas.
As profilinas son proteínas cun peso molecular de aproximadamente 14–16 kDa. Presentan un só xene en lévedos, insectos, e vermes, e moitos xenes noutros organismos, incluíndo as plantas. Nas céluas de mamíferos, descubríronse catro ìsoformas da profilina; a profilina-I exprésase na maioría dos tecidos, mentres que a profilina-II predomina no cerebro e riles.[2]