As prostaglandinas son lípidos do grupo dos eicosanoides, que derivan de ácidos graxos e exercen importantes funcións no corpo animal. Están formadas por 20 átomos de carbono e conteñen un anel de 5 carbonos.
Son mediadores e teñen diversos efectos fisiolóxicos intensos, como a regulación da contracción e relaxación do músculo liso.[1] As prostaglandinas non son hormonas endócrinas, senón que teñen un funcionamento autócrino ou parácrino, polo que funcionan como moléculas mensaxeiras de acción local. Diferéncianse das hormonas en que non se producen en lugares concretos do corpo (como as glándulas endócrinas onde se forman as hormonas), senón que se producen en diversos lugares repartidos por todo o corpo. Ademais, as súas células diana están situadas na inmediata veciñanza do sitio onde foron producidas. Mentres que unha hormona viaxa por vía sanguínea e pode actuar moi lonxe de onde foi producida, as prostaglandinas nunca viaxan lonxe.
As prostaglandinas, xunto coas prostaciclinas e tromboxanos, forman o grupo dos prostanoides, que é unha subclase de eicosanoides.