O racionalismo (do latín ratio, razón) é unha corrente filosófica que concede primacía absoluta á razón humana na adquisición de coñecemento, en contraste co empirismo, que resalta o papel da experiencia, en especial o sentido da percepción.
A distinción entre racionalismo e empirismo é unha subdivisión posterior dos historiadores, pero nun principio ambos conceptos estaban incluídos no termo 'racionalismo'. Comprende todo o século XVII e é un largo e intenso epígono metafísico aos grandes progresos da ciencia do Renacemento. Nel, a filosofía adopta o paradigma matemático da xeometría e o paradigma experimental da física, opoñéndose tanto ao escepticismo pirrónico coma ao formalismo escolástico.
O racionalismo epistemolóxico aplicouse a outros campos da investigación filosófica.
Na ética, o racionalismo é a afirmación de que certas ideas morais primarias son innatas na especie humana, e que tales principios morais son evidentes en si á facultade racional.
Dentro da filosofía da relixión, o racionalismo afirma que os principios fundamentais da relixión son innatos ou evidentes en si e que a revelación non é precisa, coma no deísmo. Dende finais do século XVIII, o racionalismo xogou na teoloxía un papel fundamentalmente antirrelixioso.