Radiohead | |
---|---|
Orixe | Abingdon, Oxfordshire, |
Período | 1985 – presente |
Xénero(s) | rock alternativo,[1][2][3] música electrónica,[4][5] rock experimental,[6] art rock[7][8][9] |
Selo(s) discográfico(s) | XL, TBD, Parlophone, Capitol |
Membros | Thom Yorke Jonny Greenwood Ed O'Brien Colin Greenwood Phil Selway |
Artistas relacionados | Atoms for Peace, 7 Worlds Collide |
Na rede | |
www.radiohead.com | |
Radiohead é unha banda de rock alternativo procedente de Abingdon, Oxfordshire, Reino Unido formada en 1985. A banda está constituída por Thom Yorke (voces, guitarra rítmica, piano), Jonny Greenwood (guitarra principal, teclados e outros), Ed O'Brien (guitarra, coros), Colin Greenwood (baixo, sintetizador) e Phil Selway (batería, percusión). Con influencias de diversos xéneros, o enfoque experimental ao rock de Radiohead foi recoñecido por promover o son do rock alternativo. Foi aclamada como unha das bandas de rock máis importantes do séxulo XXI.
Tras fichar por EMI en 1991 Radiohead editou o seu primeiro sinxelo, "Creep", en 1992. A canción converteuse nun éxito, e fíxose mundialmente coñecida despois da edición do seu álbum de estrea, Pablo Honey, en 1993. A súa popularidade aumentou no Reino Unido co lanzamento en 1995 do seu segundo traballo, The Bends. O seu terceiro álbum, OK Computer (1997), fixo medrar a súa fama internacional. O disco destaca pola súa complexa produción e por falar sobre a alienación moderna, e adoita a ser aclamado como un fito da época da Xeración X.
Kid A (2000) e Amnesiac (2001) marcaron unha evolución no estilo de Radiohead, ao incorporar elementos da música electrónica, do Krautrock, do post-punk e do jazz. Hail to the Thief, aparecido no 2003, mestura un rock guitarreiro, con elementos electrónicos e letras inspiradas na guerra e foi o seu derradeiro traballo co selo EMI.
Os seus seguintes lanzamentos foron pioneiros en plataformas alternativas de edición como paga o que queiras e BitTorrent. O seu seguinte traballo, In Rainbows, foi editado independentemente no 2007, nun principio como descarga dixital, onde os clientes podían decidir canto desexaban pagar, e posteriormente en formato físico cun grande éxito da crítica e de vendas.
O seu oitavo álbum, The King of Limbs (2011), unha exploración do ritmo, desenvolveuse usando extensamente loops e samplers. A Moon Shaped Pool (2016) conta principalmente con arranxos orquestrais de Jonny Greenwood.