Rally Dakar

Volkswagen de Carlos Sainz no Dakar 2007.

O Rally Dakar (anteriormente Rally París-Dakar) é unha competición anual de rally raid disputada dende 1978. Celébrase habitualmente durante as dúas primeiras semanas de xaneiro e está considerado o rally máis duro do mundo. Nas primeiras edicións partía de París e remataba na cidade de Dakar (Senegal), pero dende 1995 foi cambiando o seu lugar de inicio por outras cidades europeas, fundamentalmente por motivos publicitarios e/ou políticos, xa que a verdadeira competición non comezaba ata que se entraba no continente africano, e máis tarde variou tamén o punto de chegada. En 2008 non se disputou por falta de seguridade,[1] pasando a disputarse entre 2009 e 2019 na América do Sur (a Arxentina, Chile e o Perú), cun percorrido de máis de 9.000 quilómetros, incluíndo o deserto de Atacama.[2] Dende 2020 dispútase en Arabia Saudita.

A pesar do nome, o Dakar é máis unha carreira de resistencia ca un rally convencional. Os vehículos participantes son completamente todo terreo e o terreo varía considerablemente, atravesando zonas de area, rochas, barro ou vexetación.

Un quad no Dakar 2009.
Stéphane Peterhansel campión en doce ocasións.

A inscrición na proba é aberta, o cal a converte na carreira idónea para amantes da aventura. A participación de competidores afeccionados chega con frecuencia ao 80% dos inscritos.

  1. Vieiros, "Suspenden o rali Lisboa-Dakar pola “ameaza de Al Qaida”", Vieiros, 4 de xaneiro de 2008.
  2. "La organización quiere convertir el Dakar en algo muy extremo" Arquivado 25 de febreiro de 2015 en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 31 de decembro de 2009.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne