O rato de laboratorio é un pequeno roedor que se cría e usa fundamentalmente para a investigación científica, que xeralmente pertence á especie Mus musculus (rato doméstico). Son os animais mamíferos máis utilizados en investigación como organismo modelo en campos como a xenética, fisioloxía, psicoloxía, medicina e outras disciplinas científicas. Non sempre son brancos; depende da cepa. Os ratos pertencen ao clado dos animais Euarchontoglires, nos que se inclúe tamén o ser humano. Esta relativamente estreita relación, asociada cunha alta homoloxía cos humanos, xunto coa súa facilidade de mantemento e manipulación e a súa alta taxa de reprodución, fai que os ratos sexan modelos especialmente axeitados para investigacións orientadas ao ser humano. O xenoma do rato de laboratorio foi secuenciado e moitos xenes do rato teñen homólogos no xenoma humano.[1] O rato de laboratorio véndese tamén nas tendas de animais como alimento vivo para as serpes mantidas en catividade e pode tamén terse como animal de compañía.
Outras especies de rato ás veces tamén se usan como rato de laboratorio, entre as que están as especies americanas Peromyscus leucopus e Peromyscus maniculatus.