Real de oito † | |
---|---|
Moeda de 8 reais ou "peso" | |
![]() | ![]() |
Real de oito columnario cuñado en Potosí en 1770 | Real de oito de Carlos IV de 1806 |
Ámbito: | ![]() Circulación internacional |
Fracción: | 8 reais = 272 marabedís de cobre |
Moedas: | 1/2, 1, 2, 4, 8, 16 marabedís 1/4, 1/2, 1, 2, 4 e 8 reais |
Emisor: | |
O real de oito é unha antiga moeda española de prata con valor facial de 8 reais, con arredor de 39 milímetros de diámetro e un peso próximo aos 27 gramos, cuñada en España e nas súas colonias americanas desde 1598 ata a segunda metade do século XIX. É a orixe do peso español e dos países suramericanos. Inicialmente equivalía a 272 marabedís de cobre, aínda que en 1642 o seu valor foi elevado a 340 marabedís.[1][2]
Esta moeda, concibida para disputar a súa primacía como unidade de uso internacional co tálero do Sacro Imperio, foi amplamente utilizada en moitos países como unidade de conta nas transaccións de comercio internacional por mor da súa estabilidade, garantida polo poder político e económico de España no contexto internacional da época e apoiada pola explotación das ricas minas de prata suramericanas. Algúns países chegaron mesmo a contremarcar moedas españolas de 8 reais co fin de lle dar carácter formal á súa circulación como moeda local.
O real de oito foi a moeda a partir da cal se creou o dólar estadounidense (aínda que o nome o tome do daler holandés) e, de feito, o curso legal desta moeda española permaneceu en vigor nos Estados Unidos ata a Coinage Act de 1857, pola que se prohibiu a circulación de calque moeda estranxeira. Polo seu uso xeneralizado en Europa, América e o Extremo Oriente, converteuse na primeira moeda mundial a principios do século XVII.[3][4]