Realismo socialista

O Realismo socialista é unha corrente estética cuxo propósito é leva-los ideais do comunismo ó terreo da arte. Foi a tendencia artística predominante durante gran parte da historia da Unión Soviética, particularmente durante o goberno de Iosif Stalin, na República Popular da China e, en xeral, na maior parte dos países socialistas.

As correntes vangardistas víanse como un complemento natural para as políticas revolucionarias; nas artes visuais florecía o construtivismo e na poesía e mais na música louvánbanse as formas non tradicionais e vangardistas, como o caso da ópera atonal O nariz, de Shostakovich, baseada no relato homónimo de Gógol.

Con todo, esta situación non tardou en xerar críticas dalgúns compoñentes do Partido Comunista, que rexeitaron estilos modernos como o impresionismo, o surrealismo, o dadaísmo e o cubismo, debido ós principios subxectivistas que lles subxacían (o subxectivismo chocaba frontalmente coa aspiración obxectiva do materialismo dialéctico) e ós temas que trataban (o realismo socialista só consideraba relevantes os temas relacionados coa política e os traballadores). Isto levou a considerar ditos estilos como manifestacións de arte burguesa.

O realismo socialista foi, dalgún xeito, unha reacción contra os estilos burgueses anteriores á revolución, converténdose en política oficial do Estado en 1932 ó promulgar Iosif Stalin o decreto de reconstrución das organizacións literarias e artísticas.

Fúndase a Unión de Escritores Soviéticos para promover esta doutrina e a nova política foi consagrada polo Congreso de Escritores Socialistas de 1934, para ser a partir de entón estritamente aplicada en tódalas esferas da produción artística. O 10 de febreiro de 1948, dítase o chamado decreto Zhdánov, que marcou o comezo dunha campaña de críticas e descualificacións contra moitos compositores soviéticos, entre eles Vano Muradeli, Dmitrii Shostakovich, Serguéi Prokófiev e Aram Jachaturian. Máis adiante o goberno de Stalin pasaría a apoiar a algún de ditos artistas, chegando Shostakovich e Prokófiev a recibi-lo Premio Stalin.

As restricións relaxáronse considerablemente trala morte de Stalin en 1953 e en 1958 foron oficialmente rehabilitados os compositores condenados polo decreto Zhdánov, mantendo porén o Estado influencia sobre a produción artística. Os artistas que pretendían conserva-la súa total independencia da política oficial víanse nun clima hostil. A postura favorable ó realismo socialista na Unión Soviética non impediu que se promoveran obras, autores e xéneros do século XIX alleos a dita corrente e enraizados na tradición rusa, favoreceuno un destacado desempeño de intérpretes de música académica e ballet, entre outras manifestacións artísticas.

Durante as décadas seguintes xurdiu un interese nos estilos artísticos alternativos, feito que se acentuou cara finais da década de 1980 coas reformas de "apertura cara Occidente" de Mikhaíl Gorbachev. O realismo socialista seguiu porén vixente como estilo artístico oficial deica o desmembramento da Unión Soviética en 1991, momento no que o Estado abandonou a súa inmensa participación no eido artístico, catalogada como positiva por uns e como censura por outros.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne