Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2021.) |
Este artigo é parte da serie: |
Por período histórico |
|
Por tema |
A unificación de Italia foi o proceso histórico que ao longo do século XIX pretendeu a unificación dos diferentes estados nos que se atopaba dividida a Península Itálica, na súa meirande parte vencellados a dinastías consideradas "non italianas" como os Habsburgo ou os Borbón. Ha de entenderse no contexto cultural do romanticismo e a aplicación da ideoloxía nacionalista, que pretende a identificación de nación e estado, neste caso nun sentido centrípeto (irredentismo). Tamén é coñecido como il Risorgimento (rexurdimento en italiano), e mesmo como a reunificación italiana (considerando, impropiamente, que existiu unha unidade anterior, volvendo tempo atrás até a antiga Roma).
O proceso pode entenderse tamén como a conquista da aristocrática Italia do sur (Nápoles, Sicilia), o estado máis industrializado da península e o terceiro de Europa;[1] por parte de Italia do norte (val do Po), influenciada polas potencias europeas como Francia e Austria. Porén, tamén pode interpretarse no sentido de que o norte parasitou ao sur impedindo o seu desenvolvemento e propiciando a emigración e a perpetuación da súa situación social.[1] O papel conspirativo da Masonaría ou dos intereses de distintas potencias europeas (concretamente Inglaterra) tamén se aduciu como causa.[2]
En calquera caso, foi canalizado finalmente pola casa de Savoia, reinante no Piemonte (de forma destacada polo primeiro ministro conde de Cavour), en prexuízo doutras intervencións de personaxes notábeis (Mazzini, Garibaldi) ao longo de complicadas vicisitudes vencelladas ao equilibrio europeo (intervencións de Francia e Austria), que culminaron coa incorporación do derradeiro reduto dos Estados Pontificios no ano 1870. Porén, continuou a reivindicación de territorios fronteirizos, especialmente co Imperio Austrohúngaro (Trieste e o Trentino), que se liquidaron parcialmente en 1919 trala Primeira guerra mundial (Tratado de Saint-Germain-en-Laye e expedición de Gabriele d'Annunzio).