Coñécese co nome de rongorongo un sistema de escrita descuberto na illa de Pascua no s. XIX, tallado primordialmente con puntas de obsidiana e elaborado a partir de dentes de quenlla, na súa maioría sobre taboíñas de madeira.
Os habitantes nativos da illa de Pascua chamárona tamén kohau rongorongo. A tradución corrente do termo kohau é 'madeira que serve a fabricar o casco das canoas', e rongorongo é ‘gran mensaxe’ ou ‘grande estudo’. Tamén foi traducido como ‘liñas de recitación’ ou ‘báculos recitadores’.
Hai autores que din que esta forma de escritura é a única escritura estruturada en toda Oceanía, aínda que falta aínda un desciframento fiábel para confirmalo. Os símbolos ou os glifos veñen tallados ao longo de rañuras feitas con antelación ao gravado nos artefactos e son dunha altura media entre 9 e 14 mm. Parecen representar graficamente figuriñas de seres antropomórficos en diversas posturas, outras criaturas de fantasía que se asemellan ás aves, ás plantas e a outros animais terrestres e acuáticos, obxectos celestes, así como tamén obxectos xeométricos e pequenos anzois, entre outros.