Saab JAS 39 Gripen | |
---|---|
![]() | |
Tipo | caza, ataque e recoñecemento |
Fabricante | Saab |
Deseñado por | Industrigruppen JAS, FMV |
Primeiro voo | 9 de decembro de 1988 |
Introducido | 9 de xuño de 1996 |
Estado | en servizo |
Principais usuarios | Forza Aérea de Suecia Forza Aérea de Suráfrica Forza Aérea Brasileira Forza Aérea da República Checa |
Produción | 1987 - presente |
Unidades construídas | uns 270[1] |
O Saab JAS 39 Gripen ("grifón") é un caza lixeiro multipropósito monomotor fabricado pola compañía sueca Saab. Foi deseñado para substituír os Saab 35 Draken e 37 Viggen na Forza Aérea de Suecia (Flygvapnet). O Gripen ten unha á delta e configuración canard cun deseño de estabilidade relaxada e controis de voo fly-by-wire. Está impulsado por un motor Volvo RM12 e ten unha velocidade máxima de Mach 2. Os avións posteriores modificaronse para os estándares de interoperabilidade da OTAN e para poder ser reabastecidos no aire.
En 1979 o goberno sueco comezou a desenvolver estudos para un avión capaz de realizar misións de caza, ataque e recoñecemento para substituír os Saab 35 Draken e 37 Viggen. Un novo deseño de Saab foi seleccionado e desenvolvido como o JAS 39, voando por vez primeira en 1988. Tras dous accidentes durante as probas e despois de modificar o software de control de voo, o Gripen entrou en servizo coa Forza Aérea de Suecia no ano 1997. Variantes melloradas con aviónica máis avanzada e adaptacións para tempos máis longos de misión comezaron a entrar en servizo en 2003.
Para comercializar o avión internacionalmente, Saab asociouse e colaborou con compañías aeroespaciais do estranxeiro. Un exemplo destes esforzos foi Gripen International, unha empresa conxunta entre Saab e BAE Systems formada en 2001. Gripen International foi a responsable de comercializar o avión, e estivo fortemente involucrada na exitosa exportación d modelo a Suráfrica; a organización disolveuse posteriormente entre acusacións de uso de subornos para asegurar vendas. No mercado internacional o Gripen tivo un éxito moderado, conseguindo venderse a Hungría, República Checa, Tailandia, Suráfrica e o Brasil.[1]
Unha nova versión, designada Gripen JAS 39E/F, está sendo desenvolvida en 2018; esta versión ten sido referida como Gripen NG ou Super-JAS.[2] Entre sos cambios incorporados están a adopción dun novo motor, o General Electric F414G, un radar de escaneo electrónico activo e maior capacidade interna de combustible. Saab propuxo outros derivados, como o Gripen Maritime para operacións en portaaviións[3] ou un aparello para operacións non tripuladas.