San Marino[1], oficialmente Serenísima República de San Marino, (en italiano: Serenissima Repubblica di San Marino) é unha república situada nos Apeninos, enclavada no interior de Italia, e sen saída ao mar. Cun tamaño de tan só 61,4 km² é un dos países máis pequenos do mundo, só superando en Europa a Cidade do Vaticano e Mónaco. Ademais con preto de 34.000 habitantes é o estado menos poboado dos membros de Consello de Europa. Con todo, non pertence á Unión Europea.
A República de San Marino é a república soberana constitucional máis antiga do mundo aínda existente, sendo fundada, segundo a tradición, o 3 de setembro de 301 por un canteiro chamado Mariño, o cal deu nome ao país. A lenda di que Mariño fuxiu dende a costa dálmata, daquela colonia romana, no ano 257 cando o futuro emperador Diocleciano emitiu un decreto chamando á reconstrución das murallas de Rimini destruídas por piratas libúrnios, refuxiándose no Monte Titano. A súa capital é a cidade de San Marino.
A Constitución de San Marino, promulgada no ano 1600, é a máis vella do mundo aínda en exercicio.[2] Estabelece unha forma parlamentaria de goberno, o cal está composto polo parlamento, chamado Consello Grande e Xeral, presidido por dous Capitáns Rexentes, que son Xefes de Estado por un prazo de seis meses e polo Congreso de Estado, formado de dez conselleiros escollidos entre os membros do Consello Grande e Xeral.