Schizosaccharomyces pombe | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Schizosaccharomyces pombe Lindner (1893) |
Schizosaccharomyces pombe, tamén chamado "lévedo de fisión", é unha especie de lévedo utilizado na fabricación de certas cervexas tradicionais e como organismo modelo en investigacións de bioloxía molecular e bioloxía celular. É un eucariota do reino dos fungos formado por células cilíndricas con forma de bastón (parecen bacilos, pero máis grandes). As células miden xeralmente de 3 a 4 micrómetros de diámetro e de 7 a 14 micrómetros de lonxitude. O seu xenoma, que é de aproximadamente 14,1 millóns de pares de bases, estímase que contén uns 4.970 xenes codificantes de proteínas e polo menos 450 ARNs non codificantes.[1]
Estas células manteñen a súa forma ao creceren exclusivamente polos extremos da célula e dividirse por fisión binaria medial para producir dúas células fillas de igual tamaño, o que o fai un poderoso modelo para estudar o ciclo celular.
O lévedo de fisión foi illado en 1893 por Paul Lindner da cervexa de millo miúdo producida no leste de África. O nome da especie pombe é unha palabra da lingua suahili que significa cervexa. Na década de 1950 empezou a utilizarse como modelo experimental por Urs Leupold para estudos de xenética,[2][3] e por Murdoch Mitchison para estudar o ciclo celular.[4][5] O investigador do lévedo de fisión Paul Nurse conseguiu unir as dúas escolas ata entón independentes dos estudos xenéticos e do ciclo celular. Xunto con Lee Hartwell e Tim Hunt, Nurse gañou o Premio Nobel de Medicina de 2001 polos seus traballos sobre a regulación dio ciclo celular.
A secuencia do xenoma de S. pombe foi publicada en 2002 por un consorcio liderado polo Sanger Institute, converténdose no sexto modelo de organismo eucariótico cuxo xenoma foi secuenciado completamente. Isto fixo del un poderoso organismo modelo, xa que se identificaron nel moitos xenes homólogos de enfermidades humanas. En 2006, foi publicada a localización subcelular de case todas as proteínas de S. pombe utilizando a proteína fluorescente verde como etiqueta molecular.[6]
S. pombe é tamén un organismo importante para estudar as respostas celulares aos danos no ADN e o proceso da replicación do ADN.
Illáronse aproximadamente 160 cepas naturais de S. pombe. Foron recollidas en varias localizacións de diversas partes do mundo como Europa, Norte e Suramérica, e Asia. A maioría destas cepas recolléronse de froitas cultivadas como mazás e uvas, ou de diversas bebidas alcohólicas, como por exemplo a cachaza brasileira. S. pombe tamén está presente no té fermentado kombucha.[7] Porén, non está claro se en ditas bebidas S. pombe é o principal fermentador ou é máis ben un contaminante. A ecoloxía natural dos lévedos Schizosaccharomyces aínda non está ben estudada.