Un seareiro[1] é unha persoa afeccionada a un determinado deporte, á que lle gusta ir animar aos partidos ou competicións deportivas a algún equipo ou deportista. Normalmente, o seareiro é afeccionado a un só club deportivo ou deportista en concreto e acode con frecuencia ás competicións oficiais ou amigábeis nas que participa, a miúdo vestido cunhas cores representativas e realizando danzas e cánticos. A súa paixón na defensa do seu equipo ou deportista pode ir desde a simple afección até o radicalismo propio dun fan. Algúns seareiros poden unirse en peñas ou grupos afíns para se organizaren e cantar as mesmas cancións e berros, facer murais, facer viaxes longas etc.