A senescencia ou envellecemento biolóxico é a deterioración gradual co paso do tempo das funcións características da maior parte das formas de vida complexas, que ocorre en todos os reinos de seres vivos, e que no nivel de individuo incrementa a mortalidade despois da maduración. A palabra "senescencia" pode referirse tanto á senescencia celular coma á senescencia do organismo completo. Pénsase xeralmente que a senescencia celular é o que explica que se produza a senescencia do organismo completo. A ciencia que trata do envellecemento biolóxico é a bioxerontoloxía.
A senescencia non é o destino inevitable de todos os organismos, e pode ser atrasada. O descubrimento, en 1934, de que a restrición calórica pode ampliar a duración da vida nun 50% en ratas, e a existencia de especies que teñen senescencia desprezable e as especies potencialmente inmortais como Hydra, motivaron investigacións sobre a prevención e atraso da senescencia e das doenzas relacionadas coa idade. Os organismos dalgúns grupos taxonómicos, incluídos algúns animais, mesmo experimentan unha diminución cronolóxica da mortalidade, en todo ou en parte do seu ciclo vital.[1] No outro extremo hai tamén enfermidades de envellecemento acelerado, como a proxeria, que son raras en humanos. Existe tamén a extremadamente rara e mal coñecida "síndrome X", na cal unha persoa permanece física e mentalmente na infancia durante toda a súa vida.[2][3]
Incluso se os factores ambientais non causan o envelecemento, poden afectalo; por exemplo, a sobreexposición á radiación ultravioleta acelera o envellecemento da pel. Diferentes partes do corpo poden envellecer a distintas velocidades. Dous organismos da mesma especie poden tamén envellecer a distinta velocidade, polo que o envellecemento biolóxico e o cronolóxico son conceptos diferentes.
Non obstante, indirectamente, a senescencia é con diferenza a principal causa de morte (deixando á parte que en sentido obvio a hipoxia cerebral, é dicir, a falta de oxíxeno no cerebro, é a causa inmediata de todas as mortes). Das aproximadamente 150.000 persoas que morren cada día en todo o mundo, uns 2/3 (100.000 ao día) morren por causas relacionadas coa elevada idade; nas nacións industrializadas a proporción é moito maior, chegando ao 90%.[4]
Hai varias hipóteses para explicar por que ocorre a senescencia; por exemplo, algunhas consideran que está programada polos cambios na expresión xénica, outras que se debe ao dano acumulativo causado por procesos biolóxicos. Actualmente hai moitas especulacións científicas e investigacións sobre se a senescencia como proceso biolóxico pode ser ou non atrasada, parada ou mesmo revertida.[5]