Sergei Aleksandrovich Belov (en ruso: Серге́й Алекса́ндрович Бело́в), nado en Nashchyokovo (Distrito de Shegarsky, óblast de Tomsk) o 23 de xaneiro de 1944 e finado en Perm o 3 de outubro de 2013 foi un xogador de baloncesto profesional, coñecido por xogar no CSKA Moscova e na selección nacional de baloncesto da Unión Soviética.[1] Está considerado un dos mellores xogadores europeos de todos os tempos, e foi un dos escollidos para acender o facho olímpico durante a cerimonia inaugural dos Xogos Olímpicos de 1980 en Moscova.
En 1991, Belov foi nomeado o mellor xogador de todos os tempos pola FIBA.[2] Foi o primeiro xogador internacional incluído no Naismith Memorial Basketball Hall of Fame o 11 de maio de 1992. Tamén foi incluído no FIBA Hall of Fame en 2007[3] e foi nomeado un dos 50 maiores contribuidores da Euroliga en 2008.