Shadow of the Colossus | |
---|---|
![]() | |
Desenvolvedor(es) | SIE Japan Studio Team Ico |
Distribuidora(s) | Sony Computer Entertainment |
Director(es) | Fumito Ueda |
Produtor(es) | Kenji Kaido |
Deseñador(es) | Fumito Ueda |
Compositor(es) | Kow Otani |
Lanzamento | América do Norte: 18 de outubro de 2005 Xapón: 27 de outubro de 2005 |
Xénero | Acción e aventuras |
Modos de xogo | Un xogador |
Clasificación | PEGI ![]() CERO ![]() USK ![]() |
Plataforma(s) | PlayStation 2 |
Na rede | |
http://www.jp.playstation.com/scej/title/wander/ps2/st.html | |
![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Shadow of the Colossus, estreado no Xapón como Wander and the Colossus (ワンダと巨像 (Wanda to Kyozō?)), é un videoxogo de acción e aventuras desenvolvido por SIE Japan Studio e Team Ico, e distribuído por Sony Computer Entertainment para a PlayStation 2. O xogo foi publicado en América do Norte e no Xapón en outubro de 2005 e na rexión PAL en febreiro de 2006.[1] Foi dirixido por Fumito Ueda en desenvolvido en SCEI's International Production Studio 1, tamén coñecido como Team Ico. Tivo o mesmo equipo de desenvolvemento que fixo o videoxogo de culto Ico,[2][3] do cal Shadow of the Colossus está considerado un sucesor espiritual.
O argumento do xogo céntrase nun mozo chamado Wander que entra nunha terra prohibida. Wander debe viaxar ó longo de vasto terreo a cabalo e derrotar dezaseis grandes seres, coñecidos sinxelamente como colosos,[4] co obxectivo de restaurar a vida dunha rapaza chamada Mono. O xogo é pouco convencional co xénero de acción e aventuras xa que non ten vilas nin alxubes para explorar, non hai outras personaxes coas que interactuar e non hai outros inimigos que derrotar que os colosos.[5][6] Shadow of the Colossus foi descrito como un xogo crebacabezas, no que se deben identificar as debilidades dos diferentes colosos e utilizalas para derrotalos.[7][8]
Citado como un influente título na industria dos videoxogos e un dos mellores videoxogos de tódolos tempos, Shadow of the Colossus é considerado como un importante exemplo dos videoxogos como unha arte debido ós seus deseños de paisaxes minimalistas, o modo de xogo inmersivo e a viaxe emocional. Recibiu a aclamación da crítica e tivo tamén boas vendas en comparanza con Ico, debido en parte a unha gran campaña de mercadotecnia. A banda sonora tamén foi moi eloxiada. O xogo gañou numerosos premios polo seu son, deseño e calidade. Shadow of the Colossus tamén é unha referencia en debates sobre a calidade artística e as perspectivas emocionais dos videoxogos.[9]
Unha versión remasterizada para PlayStation 3 foi desenvolvida por Bluepoint Games e estreada como The Ico & Shadow of the Colossus Collection en setembro de 2011. Contén gráficos de alta definición (HD), contidos adicionais eliminados na versión americana, trofeos para PlayStation Network e soporte 3D.[10] A versión HD foi estreada de xeito separado no Xapón. En febreiro de 2018, estreouse un remake en alta definición para a PlayStation 4.