O sikhismo[1] (en panxabí: ਸਿੱਖੀ sikkhī, do sánscrito: 'śiṣya' 'aprendiz', ou śikṣa 'instrución'[2][3]), tamén coñecido tradicionalmente como gurmat (literalmente, 'o consello dos gurús) ou dharma sikh (doutrina dos sikhs), é unha relixión monoteísta que se desenvolveu durante o século XV na rexión do Panxab[4][5], no contexto do conflito entre o hinduísmo e o islam. Os seguidores do sikhismo chámanse sikhs.
O termo sikh significa en panxabí discípulo forte e tenaz. A doutrina básica do sikhismo consiste na crenza dun único deus e as ensinanzas do gurú Nanak e dos Dez Gurús do sikhismo, recollidas no libro sagrado dos sikhs, o Guru Granth Sahib. Dun monoteísmo estrito, estas ensinanzas son unha síntese do movemento bhakti hinduísta e do sufismo islámico que nega a autoridade dos vedas, abole o sacrificio, o sacerdocio e o sistema de castas. Coas ensinanzas do último gurú Gobind Singh (1666-1708), o seu carácter pacifista transformouse nun espírito militar, rexeitando a doutrina non violenta do ahimsa. Os templos sikhs reciben o nome de gurdwaras e o máis importante é o Templo Dourado da cidade de Amritsar.
Os sikhs cren nun deus chamado Ek Onkar[6], omnipresente e con cualidades infinitas e, en certo xeito, son panteístas[7]. Tamén cren na reencarnación, mais aceptan outras crenzas para despois da morte. Practican as virtudes da caridade, amabilidade e humildade contra os vicios da ira, gula e luxuria. Manteñen que hai igualdade entre todas as persoas (son contrarios ao sistema de castas da India) e procuran un estilo de vida chamado Chardi Kala, que se considera positivo e optimista[8].
É a quinta relixión máis importante do mundo por número de fieis, cun número estimado de 25 millóns de crentes en todo o mundo. A maior parte deles (o 75%) viven na rexión india do Panxab, onde representan o 60% da poboación, mais tamén hai comunidades sikhs importantes nos Estados Unidos, no Reino Unido, no Canadá, en Malaisia e en Singapur[9][10].